Rúas de Lugo

XULIO XIZ

LUGO

Telde, cidade de Canarias que ten unha rúa chamada Lugo.
Telde, cidade de Canarias que ten unha rúa chamada Lugo.

Refírome ás de fóra, as que levan o nome da nosa cidade polo mundo adiante. Destas, entendo que debería haber un censo se é que non está feito, e esixir un mínimo nivel estético —tamén ético?— para outorgarlles o prácet, aínda que me temo que iso é algo que ninguén pide.

Cando viaxo, o que non descobre polo acento a miña orixe, e pregunta a procedencia, desde agora quizais teña que responderlle coa pregunta tópica: e por que me pregunta iso?

A última vez, a semana pasada, en Mogán, de Gran Canaria, cando dixen que era de Lugo o interlocutor vacilou, dubidou, e acabou confesando que hai unha rúa con este nome onde se concentra a prostitución, e cando un di «vou a Lugo», vai ao que nós estamos pensando.

Pola IA pescudo que en Gran Canaria existe o Paseo de Lugo, ademais dunha rúa na cidade de Telde. Profundo na consulta, e acláraseme que onde máis locais e vivendas están vinculadas coa prostitución é na rúa Molino de Viento, barrio de Los Arenales, zona historicamente coñecida como «El Lugo». Asegúramo a confidente que «O Barrio de Lugo» é unha zona característica de Las Palmas por albergar historicamente este que se cualifica do máis vello oficio do mundo.

Non pescudei máis, non fora ser que comezasen a darme detalles innecesarios, porque co que hai que quedarse é que na illa de Gran Canaria o nome de Lugo ten mala nota, como lle pasaba en tempos ao Barrio do Miño, o máis histórico da capital.

Cando o interlocutor me contou aquilo, non acertei máis ca a balbucear que aquí en tempos houbo algo así, pero a zona estaba sendo rehabilitada na súa totalidade. Non prestou ao tema a máis mínima atención.