A exposición «Rosalía Ilustrada» pode visitarse no Vello Cárcere
06 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Vello Cárcere de Lugo acolle desde esta semana a exposición Rosalía Ilustrada, na que 35 ilustradores interpretan textos rosalianos. A mostra, que se pode visitar no primeiro andar do Bloque de Mulleres, presenta 35 orixinais doutros tantos ilustradores galegos, que interpretan de xeito gráfico un texto de Rosalía. A iniciativa está organizada pola Fundación Rosalía de Castro.
O impacto de Rosalía hai tempo que traspasou os límites da literatura para converterse nun auténtico símbolo de Galicia. A súa influencia chegou a moitas outras artes, coma a música, sendo a escritora máis musicada, e tamén á plástica e ao mundo gráfico, onde deixou fonda pegada, tanto na arte coma no deseño.
Nesta exposición participan destacados nomes da plástica galega: Carlos Arrojo, O Bichero (Luís Davila), Manel Cráneo, Elga Fernández Lamas, Bea Gregores, Leandro Lamas, Bea Lema, Iria Ribadomar, Álvaro de la Vega, Andrea de Toba, Fran Bueno, Pepe Carreiro, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Fausto, Federico Fernández Alonso, Norberto Fernández, Jacobo Fernández, Anxeles Ferrer, Raquel González, Nacho Hortas, Fernando Iglesias, Fran Jaraba, Xan López Domínguez, Fino Lorenzo, Primitivo Marcos, Xaquín Marín, Andrés Meixide, Pablo Otero Peixe, Miguelanxo Prado, María Fe Quesada, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Manuel Uhía e Óscar Villán.
Todas as obras da mostra son orixinais e utilizan técnica manual. Este é un proxecto da Fundación Rosalía que foi iniciado no 2004 coa dirección de Ana Blanco e o comisariado de Fausto Isorna, cunha exposición e un libro. No 2026 recuperárono e engadiron dez autores e autoras novas.