O teatro breve volve a Lugo con catro estreas no Clavi: «É un formato moi amable, podes tomar algo mentres gozas de pezas que analizan con humor o mundo no que vivimos»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Microefectos Dramatúrxicos actuará no Clavicémbalo
Microefectos Dramatúrxicos actuará no Clavicémbalo PEPE SAAVEDRA

Microefectos Dramatúrxicos levan máis dunha década colgando o «sold out» co seu innovador microteatro. Os días 3, 4 e 5 estrean, con dous pases cada día, «Burramia artificial», «Cíborg», «As ramistas» e «O permiso»

02 sep 2026 . Actualizado a las 14:23 h.

Arranca setembro cun clásico na programación cultural de Lugo: o innovador microteatro dos lucenses Microefectos Dramatúrxicos. Os seus nove integrantes, que escriben, dirixen e interpretan as obras, levan case 14 anos colgando o sold out co seu teatro breve cargado de humor, ironía, sátira e crítica social. Desta volta, este xoves, día 3, o venres 4 e o sábado 5 estrean, como cada trimestre no Club Clavicémbalo de Lugo, catro novas pezas duns vinte minutos de duración cada unha. Haberá dous pases cada día, ás 20.30 e ás 22.30 horas, e as entradas pódense mercar, ademais de na billeteira, a través da plataforma dixital woutick.com, por 8,80 euros.

Unha das caras máis visibles desta agrupación cultural, Anxo Manoel, explica que dúas das pezas que estrean este xoves tratan sobre redes sociais, novas tecnoloxías, oportunistas, burbulla tecnolóxica, íntima unión entre corpo e chip, youtubers, influencers... «desde a perspectiva do humor e mesmo da distopía». Trátase de Burramia artificial, escrita e dirixida por Brian Rodríguez e interpretada por María Grandío, Anxo Manoel e Brian Rodríguez; e Cíborg, escrita e dirixida por Raquel L. Cendán, e interpretada por Brais García, Elvira Velasco e Raquel L. Cendán.

Outra das obras que se presenta é As ramistas, escrita e dirixida por Brais García e interpretada por María Grandío, Elvira Velasco e Brais García. Trátase dunha comedia protagonizada por dúas mulleres ramistas que lle van pedir a un novo veciño: «Algo que parece doado, como é pedir cartos para as festas da parroquia, pódese complicar ata puntos insospeitados», comenta Anxo Manoel.

A última obra é O permiso, outra comedia «cun toque máis filosófico, que parte dun claustro de profesores no que unha mestra está desaparecida e acaba aparecendo nunhas circunstancias estrañas». A obra está escrita e dirixida por María Grandío, e interpretada por Elvira Velasco, Anxo Manoel, Brian Rodríguez, Raquel L. Cendán e María Grandío.

Entradas que se esgotan

As estreas de Microefectos Dramatúrxicos sempre esgotan entradas. De feito, este mércores xa había algún pase con todas as entradas vendidas e centos de billetes despachados. O segredo deste éxito débese a múltiples factores, segundo analiza Anxo Manoel: «É un teatro bastante cómico e fala do momento actual, polo que engancha máis. Ademais, é teatro breve, así que se unha peza non che gusta moito, moi mal se ten que dar para que outra non che guste», comenta, e puntualiza: «É un formato moi amable, podes tomar algo mentres gozas de pezas que analizan con humor o mundo no que vivimos e as cousas que nos van pasando. Son catro obras breves, hai un descanso no medio, podes estar tomando algo... Igual se deixamos de poñer cervexas, baixa o público á metade», chancea.

A maiores, ten o aliciente da excepcionalidade: «Ou vés ao Clavi a velo estes tres días, ou xa non se pode ver nunca máis, e iso forma parte do encanto». Ademais dun público fiel, entre os asistentes a estas representacións teatrais cóntanse sempre novos espectadores, renovando así a paixón polo teatro.

Orixe do proxecto teatral

O proxecto de Microefectos Dramatúrxicos naceu no ano 2013, da man dun grupo de afeccionados e profesionais da órbita do teatro que coincidiron nun curso de dramaturxia na Deputación. «Houbo unha serie de intrépidos que nos arriscamos a montar algo xuntos, e así ata hoxe», sinala.

Os integrantes do grupo teatral escriben, dirixen e interpretan as súas propias pezas
Os integrantes do grupo teatral escriben, dirixen e interpretan as súas propias pezas PEPE SAAVEDRA

Na actualidade, ningún deles se dedica profesionalmente ao teatro: «Houbo unha época na que algúns si que o faciamos, e este era un dos proxectos no que nos moviamos, pero a estas alturas da película non, todos temos outras ocupacións. Isto é a nosa vía de escape», comenta Anxo Manoel.

Desde o primeiro momento optaron polo formato de pezas breves: «Estivemos uns cinco anos facéndoas cada mes, porque eramos moito máis novos e inconscientes, pero agora estreamos cada trimestre, no Clavi».

Por outra banda, segundo comenta Anxo Manoel, o teatro en Lugo segue precisando de máis asiduos a estes espectáculos, aínda que a situación está mellorando: «Si que aumentou a xente que vai ao teatro en Lugo, pero tamén é certo que a isto axudou que a cidade conta cunha programación estable desde hai uns anos, e iso axuda».