Ricardo Polín: «Francisco de Fientosa foi unha figura emerxente que tiña un futuro brillante»
LUGO
A Casa da Galería recibe este venres unha charla sobre o escritor Francisco de Fientosa, galego asasinado na Guerra Civil
20 ago 2026 . Actualizado a las 15:12 h.Dentro da programación da Casa da Galería, situada en Castro de Rei como parte dos espazos culturais da Fundación Margarita Ledo Andión, mañá haberá unha charla sobre o escritor Francisco de Fientosa, orixinario de Castro de Rei e asasinado durante a Guerra Civil Española. Esta será da man do escritor, historiador, docente e investigador Ricardo Polín, nado en Castroverde e unha figura relevante da cultura galega actual.
—Como comezou a súa traxectoria persoal como investigador e escritor?
—Temos que partir xa non só da inquedanza cultural, máis ben da forma na que fun enfocando todo. Hai un aspecto ao longo da miña traxectoria que sempre me preocupou moito, é dicir, toda esa bagaxe cultural que vai quedando e todas esas fases históricas que están sen aclarar debidamente. Fun tamén investigando ós autores que morreron na diáspora, con obra perdida ou inédita. Cando eu publiquei a obra completa de Crecente Vega, tres cuartas partes da súa obra estaban practicamente secuestradas. Sempre procurei facer traballos innovadores, que achegasen coñecementos importantes sobre a nosa cultura.
—Como xurdiu a colaboración coa Fundación Margarita Ledo Andión?
—A Casa da Galería digamos que é a referencia da fundación, é como unha casa museo. Fan unha programación anual de actividades culturais, vinculadas á cultura galega, ademais de procurar incorporar a tradición que teña que ver coa cultura da Terra Chá, unha comarca cunha cultura moi definida en certos ámbitos. No caso da miña charla, ven moito a conto xa que está de actualidade, concretamente estas semanas en xeral. Son días nos que se conmemoran uns feitos realmente tráxicos que aconteceron na Guerra Civil. Esta semana cumpríronse 90 anos do asasinato de Federico García Lorca e Ánxel Casal. Aquí tamén tiñamos unha figura que encaixaba perfectamente no que é esta programación cultural, un rapaz novo do que tamén se cumpren 90 anos do seu asasinato, Francisco de Fientosa.
—Quen era Francisco de Fientosa?
—Con só 24 anos, xa era unha figura emerxente cun futuro brillante na literatura galega. Era coñecido como o Lorca galego, un apelativo polo que foi recoñecido na época. Eu publiquei no seu momento, nos anos 2000, a súa obra completa, hai que pensar que pasou moi desapercibida a súa figura durante todo o Franquismo e comezos da Democracia. Quedaba pendente un traballo esencial, que son as circunstancias, os motivos e os actores do seu asasinato. Isto era case un compromiso persoal, é un feito que estivo latente no mundo das letras en xeral durante todo este tempo. Por que se tortura e asasina a un escritor de 24 anos, cunha cultura bastísima e sen unha afiliación política coñecida? Con esa idade xa tiña algúns libros publicados, unha obra inédita moi ampla. Ademais, como acontece no caso de Lorca, non está localizado o seu cadáver.
—Que lle chamou a atención para investigar a vida de Francisco de Fientosa?
—Desde o primeiro momento foi a súa cultura, falamos dunha persoa moi nova que era profesor de ensino primario. Nos anos 30 estábase licenciando en Filosofía e Letras, estaba rematando a carreira no ano 36 no seu tempo libre, e tiña dous libros publicados. Coa súa idade xa tiña contacto con grandes figuras literarias. En sí, a súa traxectoria vital chamábame á atención. Loitou contra as dificultades, forma parte dunha familia de seis irmáns, sendo o máis novo e fica sen pais na infancia, tendo que ser acollidos por familiares próximos que, agás el e o irmán maior, o resto emigra cara Arxentina. Nunha publicación que presentarei proximamente, hai un prólogo da súa sobriña, Elsa Vega, que é profesora en Arxentina. Son a infinidade de detalles, e logo tamén hai una conexión persoal, xa que publiquei tamén a obra completa dun primo carnal seu, Xosé Crecente Vega, que foi decisivo na vida de Francisco, foi poeta e unha figura moi importante dos anos 20 e 30 e mesmo da posguerra. Foi unha especie de mentor para este rapaz que ficara sen pais. En definitiva, o que me levou a investigar a Fientosa, foron todas esas cousas que o fan unha figura polifacética e culta.
—Que importancia considera que ten unha charla así na cultura galega?
—Hai uns aspectos que me parecen moi importantes. Este autor foi asasinado por altos cargos do Goberno Republicano da época; é unha vítima da Guerra Civil, non é a típica que foi asasinada por un grupo falanxista, mais sigue sendo unha vida quitada pola guerra, sen a menor xustificación para cometer ese crime. Parece moi importante destacar que seguramente este autor escribiu principalmente en castelán, non en galego, cunha riqueza de vocabulario e estilo impecables. Seguramente se fose o caso contrario, se a súa expresión fose a lingua galega, o trato sería distinto ao que foi. Os crimes son crimes, os faga quen os faga. Esa apertura de mente e esa reflexión temos que facela neste momento, tamén chegou o punto de que temos que buscar non só aos autores, senón ás vítimas, porque non sabemos onde están os seus corpos. Chegou o momento de facer o investimento público necesario para dignificar a estas persoas asasinadas.