Organizan rutas por paraxes do Courel ligadas á vida do poeta Uxío Novoneyra

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO

Un percorrido en homenaxe a Uxío Novoneyra celebrado no 2010 na súa localidade natal de Parada do Courel
Un percorrido en homenaxe a Uxío Novoneyra celebrado no 2010 na súa localidade natal de Parada do Courel ROI FERNANDEZ

As actividades desenvolveranse entre os meses de agosto e setembro

19 jul 2026 . Actualizado a las 19:22 h.

A Fundación Uxío Novoneyra organiza este verán unha serie de rutas guiadas por paraxes vinculadas coa vida do poeta nos municipio de Folgoso do Courel e Quiroga. Cada un destes itinerarios, segundo indican desde a entidade, « propón unha forma distinta de achegarse ao universo de Uxío Novoneyra, combinando literatura, patrimonio, historia e natureza nunha experiencia para camiñar e mirar a paisaxe con outros ollos».

O ciclo, denominado Territorio Novoneyra, iniciouse este domingo cun percorrido pola ruta do monte Cido guiado polo escritor e dramaturgo Inacio Vilariño. Para participar nestas actividades é preciso realizar unha inscrición previa a través do perfil de Instagram da fundación organizadora —no enderezo bit.lu/novoneyra— ou ben mediante un código QR que se encontra na conta de Facebook desta entidade. A fundación organiza este ciclo co apoio do proxecto Territorio Cultura, un programa que se desenvolve mediante a colaboración do Ministerio de Cultura e a Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Estas son as seguintes actividades previstas no programa:

 1 de agosto. Para esta data está programada unha «ruta botánico poética» baixo o lema «Ameto mítico», título dun poemario de Novoneyra. Será guiada pola escritora e xornalista Nieves Neira

30 de agosto. A seguinte actividade será unha «ruta pola memoria democrática do Courel» guiada por Inacio Vilariño. Esta cita está vinculada á próxima edición do Festival dos Eidos, organizado pola mesma fundación. 

1 de setembro. O ciclo pecharase cunha «ruta pola Quiroga literaria de Fole e Novoneyra» guiada por Marcos Reinoso, presidente da asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel.