Luis Abel Taboada, director da Fundación Breogán: «Traballamos en mellorar a vida das persoas»
LUGO
Luis Abel Taboada é o director da Fundación Breogán. Suma dous anos no cargo, un período no que esta institución foi medrando. Taboada explica os proxectos nos que traballan e fai un chamamento co fin de que se incorporen máis socios e empresas colaboradoras á Fundación.
—Que balance fai destes anos que leva como director xeral da Fundación Breogán?
—O primeiro impulso é o más difícil. Arrancar de cero é complicado e Salva Arco fíxoo moi ben. Agora, nesta etapa estamos traballando para que a Fundación medre. Estamos a triplicar os inicios e iso satisface moito.
—En cantos proxectos traballan?
—Tendo en conta os proxectos de longa duración e os puntuais, teño que dicir que estamos en 38. Estamos contentos.
—Que tipo de proxectos levan a cabo?
—Moitos e variados. Cando falo de proxectos puntuais refírome a torneos de 3 x 3 ou ciclos de charlas. E os de longa duración coinciden co curso escolares. Entre outros traballamos coa Terceira Idade, con nenos con autismo, co servizo de psiquiatría do Hula. Os proxectos teñen como obxectivo mellorar a vida das persoas. A Fundación Breogán trata de devolver a Lugo e á súa provincia o que lle dá ó club. E hai que aproveitar o altavoz que é o Breogán para que os colectivos e as asociacións teñan máis repercusión.
—Como logra recursos a Fundación para destinalos a toda esta obra social.
—A xente interpreta que a Fundación ten o músculo financeiro do Breo, pero non é así. Nós contamos con 106 socios, poucos a tenor do número de abonados do club. Animamos a que a xente se faga socia porque abonan 42 euros por tempada, e iso desgrava un 80%. E contamos co respaldo de institucións e de seis empresas benefactoras, ás que hai que sumar un grupo de firmas colaboradoras, que poden achegar entre 750 e 2.500 euros.
—Que grao de implicación teñen os técnicos e xogadores do Breo cos proxectos da Fundación?
—Intentamos non molestalos moito, porque teñen adestramentos e partidos. Pero é verdade que cando aparecen nos actos, o realce duplícase. Do que máis tiramos e do noso capi, Erik Quintela, que é un bendito.
—Ten algunha anécdota?
—Si, hai unha que protagonizou Jordan Sakho. Ten unha graza especial. No proxecto «Experiencia Breogán» visitamos o centro San Vicente de Paúl. Foi entrar na sala sensorial e meteuse na piscina con bolas e na cama de auga con varios usuarios
—En que consiste o programa «Chan Común»?
—A súa finalidade principal é unir a xogadores con e sen discapacidade nun mesmo equipo, promovendo unha inclusión real a través do deporte convencional. É emocionante ver como uns coidan dos outros. Fixemos dous equipos, masculino e feminino. E recuperamos a un histórico como Pirulo para adestralos.
—O programa «Ícaro» tamén ten éxito, non si?
—Si. Utiliza o deporte como unha ferramenta de inclusión social para mozos en risco de vulnerabilidade social. O programa busca axudar a rapaces de entre 14 e 18 anos que adoitan ter dificultades para acceder ao deporte federado ou estruturado, co fin de reducir a brecha social e garantir a súa participación comunitaria en condicións de igualdade.