Lemos nas páxinas de La Voz de Galicia que Víctor, un profesor xubilado de matemáticas, recibiu a medalla de prata pola súa dedicación aos demais por ensinar esta materia, como voluntario, a alumnas de 90 anos no marco dun programa de estimulación para favorecer o envellecemento activo. A noticia rompe varios prexuízos: sobre as matemáticas, inicialmente, que non adoitamos imaxinar como unha actividade que se practique por pracer; de xénero, pois a noticia fálanos de mulleres —e aínda hoxe o campo STEM está fortemente masculinizado—; e tamén de idade, pois tendemos a vencellar este campo do saber a xente nova en formación ou en plenitude profesional. A noticia non pode, pois, menos que arrincarnos un sorriso, e celebramos que algo aparentemente tan sinxelo trastoque tantos aspectos do que pensamos.
Teño para min que non é casual que cheguen aos 90 anos persoas capaces de conservar as ganas, a ilusión e a actitude de aprender. Tamén entre nós intelectuais notables e figuras marcadas pola curiosidade e pola aprendizaxe foron especialmente lonxevas, como Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández del Riego, Luz Pozo Garza ou o propio Ramón Otero Pedrayo. Está claro que conflúen outros moitos factores, pero coido que este non é irrelevante.
Sei dun home, octoxenario, enxeñeiro de profesión, que a día de hoxe segue facendo problemas de matemáticas e física a diario; que ás veces se ergue de madrugada porque na lucidez da noite deu cunha solución que procuraba había días. Vivir é iso: seguir tendo ganas e ilusión. No hospital, un día, un home que compartía cuarto co meu pai chamoume para que me achegase co ton que axiña recoñecín como o dun profesor que se dirixe a unha alumna. Tiña un tangram. Preguntábame as formas e as cores e, cando eu llas dicía, repetía a palabra para si, baixiño. Fora profesor de matemáticas, loitaba por non esquecer. Loitaba por seguir vivindo.