Lugo celebra o sábado a Feira do 48: artesanía, teatro, música e baile tradicional durante todo o día

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Lagharteiras ofrecerá o concerto de clausura na Feira do 48
Lagharteiras ofrecerá o concerto de clausura na Feira do 48

Cántigas e Frores organiza una festa pola cultura e a identidade galegas, con actividades de balde e para todos os públicos na Praza Maior

25 jun 2026 . Actualizado a las 00:32 h.

A tradicional Feira do 48 volve a Lugo este sábado, día 27. Despois de ser adiada debido á chuvia, o pasado 9 de maio, a cita coa cultura e a identidade galegas, organizada por Cántigas e Frores, chegará á Praza Maior este sábado con mercado de artesanía, obradoiros de baile, concertos, pasarrúas, teatro e moita música tradicional. Será unha xornada repleta de actividades de balde para todos os públicos.

O encargado de dar comezo a esta festa, co pregón desta edición, é o escritor naviego Toño Núñez, mestre xubilado que compaxina a escrita co activismo cultural e coa música. Autor de varios libros para público infantil e adulto, coordina Xistral, a Revista Lucense de Creación Poética, e forma, xunto a Xosé Manuel do Castro, o dúo poético-musical ConVersos.

Concertos

A clausura, pola súa banda, chegará co concerto das pandereteiras Lagharteiras, que levan desde o 2007 traballando pola compilación, a conservación, a divulgación e a dignificación das músicas, cantares, instrumentos e vestimentas tradicionais galegas.

Pero haberá máis concertos: as viguesas Ferriñas Bravas, na sesión vermú, cun repertorio baseado na música tradicional galega e no traballo de campo; ou Murguinsky, pola noite, coa esencia das antigas murgas e un aire divertido e improvisado para poñer a todo o mundo a bailar con xotas, muiñeiras e agarrados.

Por outra banda, non faltarán os grupos oficiais de Cántigas e Frores. Para empezar a xornada, actuarán o Coro Galego e haberá pasarrúas da Banda de Gaitas e Percusións, polo centro da cidade. Ademais, o Grupo de Baile realizará unha Mostra de Baile Tradicional, acompañado da Murga, que tamén dará un concerto pola noite, e das Cantareiras e Cantareiros, que actuará na sesión vermú.

Migallas Teatro actuará pola tarde na Praza Maior
Migallas Teatro actuará pola tarde na Praza Maior

Non faltarán tampouco os obradoiros. De feito, antes dos concertos da noite, o mestre Ismael Rodríguez impartirá un obradoiro de baile tradicional. A maiores, pola tarde haberá tamén espectáculo de teatro, humor e música, da man de Migallas Teatro e o seu Cantaxoga. Os seus integrantes, María Campos e Carlos Yus, interpretarán cancións dos seus discos Canta connosco! e Pan de millo, ademais de divertidos sketchs cómicos, con rock, cumbia, rap, pasodobre, rumba ou fusión étnica.