O Festival Atlántica unirá palabra e patrimonio na provincia de Lugo: «Queremos reivindicar as historias como unha parte esencial da identidade cultural galega»
LUGO
Haberá espectáculos de narración oral para todas as idades, ata o 10 de xullo, en concellos como Castroverde, A Fonsagrada, Lugo ou Vilalba
22 jun 2026 . Actualizado a las 22:05 h.O XIV Festival Atlántica percorrerá a provincia de Lugo unindo palabra e patrimonio histórico. Na súa edición número 14, esta cita coa narración oral terá especial protagonismo na provincia de Lugo, onde percorrerá concellos como Barreiros, Castroverde, A Fonsagrada, Lugo, Taboada ou Vilalba, con espectáculos para todas as idades. A programación deste ano aposta así por conectar a narración oral coas paisaxes galegas, coa memoria dos lugares e coa veciñanza que os habitan.
O Festival Atlántica continúa este verán cunha programación especialmente destacada na provincia de Lugo e contando co financiamento da Deputación de Lugo, onde a palabra compartirá protagonismo co patrimonio histórico, a memoria colectiva e a riqueza paisaxística do interior do país.
Na presentación feita en Lugo este luns participaron a deputada de Cultura, Iria Castro; o presidente da Fundación Eira, Xosé Salvadores; o presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Manuel Muñiz; o secretario xeral de Adega, Froilán Pallín; e a directora do Festival Atlántica, Soledad Felloza.
Quince asociacións
A propia directora do festival explicou que «Lugo será, despois da Coruña, a provincia con maior presenza no Festival Atlántica e, probablemente, a que mellor permitirá vivir unha das esencias que definen o festival desde os seus inicios: a participación activa da sociedade civil. Ata quince asociacións e colectivos colaboran nesta edición, facendo posible unha relación estreita co territorio e cos espazos que estas entidades traballan, coidan e defenden día a día».
Grazas a esa complicidade, os contos chegarán á Torre de Castroverde, á Ermida de Santo Estevo do Ermo, ao Castro de San Lourenzo de Cereixa, ao Cuartel Vello de Taboada, á igrexa de San Pedro de Bembibre, aos Fornos de Cal, á Aula Verde de Barreiros, á Alameda de A Fonsagrada, ao Courel ou ao roteiro arqueolóxico da Liga Santaballesa, entre outros espazos singulares.
Programación
Ademais, coincidindo coa celebración do Ano Otero Pedrayo, o espectáculo de Inacio Vilariño, «A viaxe feliz de Ramón San Fiz», revisitará algunhas das etapas da histórica peregrinación realizada por Ramón Otero Pedrayo, Ben-Cho-Shey e Vicente Risco. O percorrido fará parada en Taboada (día 4, 19.00, Praza do Cuartel Vello) e Vilalba (día 2, 20.30, Escola de Mourence) para rematar en Santo André de Teixido.
A Fonsagrada (día 5, 12.00, Aula Verde-Fornos de Cal) contará coa proposta familiar de contos e música de Pakolas e coa presenza de Celso Fernández Sanmartín (día 9, 21.00, Parque Gil Portela-Alameda) e o seu Contar, acompañado por Fernando Palitos, do ciclo Novas Voces. Ao pé da Torre de Castroverde José Luis Gutiérrez «Don Guti», un dos grandes referentes da narración oral da Península, nos levará de Filandar (día 3, 21.00, Torre de Castroverde) e tamén poderá gozar de Estrafalaria, a recente gañadora do Premio María Casares Atenea García (día 4, 19.00, Torre de Castroverde), unha proposta para toda a familia.
Barreiros (día 3, 10.00) acollerá un roteiro ata a fervenza con Hugo Fachal, que axudará a escoitar o que contan as pedras e as plantas, seguido de Autoestradas e corredoiras, de Quico Cadaval (día 3, 20.00) o gran narrador galego. En Taboada, Cris de Caldas (día 3, 21.00, Praza do Cuartel Vello) compartirá as súas historias de mulleres, mentres Carola Casal (día 4, 11.00, San Pedro de Bembibre) achegará as claves para mirar e interpretar a arte románica de San Pedro de Bembibre.
Quiroga (día 10, 17.00, Aira de Vieiros) escoitará A fala da montaña, da man de Miudiño S. Coop., e rematará (día 10, 20.00) entre risas e música cos Contos de tascas, tabernas e outros tugurios, de María da Pontragha e Miguelón Paz. A programación fai parada tamén en Cereixa, na Pobra do Brollón (día 4, 20.30, Castro de San Lourenzo) coa sesión Chistes que foron contos, de Avelino González.
O festival pasará pola cidade de Lugo, onde a Escola Semente acollerá Xela. Aventura na fraga, de Inma Soto (día 3, 12.00), unha actividade especialmente pensada para o público familiar.
Felloza engade que «a presenza lucense no festival reafirma unha das principais liñas de traballo: levar a narración oral a todos os recunchos do país e reivindicar as historias como unha parte esencial da identidade cultural galega. E se, ademais, se fai da man da sociedade civil, Morgana, o mascarón de proa desta edición, abandonará por uns días as augas azuis para mergullarse nos verdes míticos de Lugo, tan presentes no Mapa dos Lugares, creado por Manuel Gago e ilustrado por Leandro Lamas. Unha peza máis na vontade de Atlántica de deixar unha pegada material que dea forma ao imaxinario do país e acompañe as historias que o habitan».