Un libro repasa a relevancia do deporte no rural de Lugo: «A única vez que vin a tanta xente xunta, que non fora nun funeral, foi darredor dun campo de fútbol»
LUGO
O ulloán Brais Vázquez Lamazares acaba de publicar «Acordanza (o libro do recordo nos deportes)», con fitos do deporte mundial e un alegato ao papel do deporte na conservación das tradicións, do patrimonio cultural, da memoria colectiva e como elemento socializador: «O deporte na Ulloa está moi vivo. A nosa comarca é moi prolífica se a comparamos con outras coma o Deza ou a Terra Chá»
04 jun 2026 . Actualizado a las 13:17 h.Acordanzas (o libro do recordo nos deportes) é o primeiro libro de Brais Vázquez Lamazares, natural de Antas de Ulla, pero residente en Monterroso desde hai dúas décadas. Nesta obra recompila lembranzas sobre o deporte mundial nos anos 90 e 2000, cos seus fitos principais, e relaciona todo iso coa idiosincrasia do deporte galego en xeral, e co deporte no rural de Lugo e, concretamente, da comarca da Ulloa. A publicación responde ao interese de preservar a memoria persoal e colectiva ligada ao deporte, especialmente en contextos rurais galegos. O libro recompila anécdotas, vivencias e reflexións sobre fútbol, ciclismo, automobilismo e outros deportes, conectando con tradicións familiares, festas e eventos clave, como copas mundiais ou voltas ciclistas: «O deporte ocupa un lugar central, como fío condutor dunha memoria persoal e colectiva que tamén recolle tradicións, lugares, costumes e xente da comarca da Ulloa, Galicia e todo o mundo. Acordanza nace dende o corazón e pretende ser tamén unha homenaxe á nosa forma de vivir e de lembrar», explica o autor.
O primeiro acto de presentación do libro terá lugar o sábado 27 en Monterroso, cun ton máis cultural e introspectivo, e o seguinte será en Antas de Ulla, cun enfoque máis visual e deportivo. En ambos casos, haberá unha exposición de camisetas, cromos antigos e outros obxectos relacionados coa memoria deportiva, co obxectivo de crear un ambiente máis participativo e evocador arredor do libro.
—Cono nace este libro?
—Sempre estiven moi ligado e moi interesado no tema do deporte, dende pequeno. A raíz desa inquietude polo deporte, non solo por un, senón por moitos, fun sacando polas desa árbore cara a moitas outras cousas, como poden ser a tradición da nosa comarca e a nosa provincia, a xeografía, a historia, o patrimonio, a política... Todas esas outras inquietudes sempre as levo a asocialas co deporte e iso fai que as fixe mellor ou que permanezan na memoria máis tempo. Así que a publicación é un libro de deportes no que falo, sobre todo, dos deportes nos anos 90 e 2000, algo global de todo o planeta, pero determinados eventos ou acontecementos relaciónoos co que pasa na nosa comarca e en Galicia. De aí que fale tamén de xeografía, de política, de patrimonio... e de moitas outras cousas; sobre todo, de xente e de tradicións.
—Cales son as peculiaridades do deporte en Galicia e, concretamente, na Ulloa?
—A nosa comarca é moi prolífica deportivamente. Igual non somos conscientes diso porque se non es un friqui dos deportes non lle prestas tanta atención a iso. Pero a nosa comarca, comparada con outras, como poden ser o Deza, Val de Lemos ou a Terra Chá, ten moitas escolas deportivas e moitos equipos de diferentes disciplinas, aínda que houbo máis nos anos 90 e 2000. É algo que damos por feito, como algo normal, pero comparado con outras comarcas, non é tan normal. O deporte aquí na Ulloa está moi vivo.
—Cales son os deportes con máis éxito na Ulloa?
—No libro falo, sobre todo, de fútbol, ciclismo e automobilismo, que na comarca da Ulloa son as tres grandes patas. Pero tamén hai pinceladas de xadrez, balonmán, tenis, de fútbol sala, que foi moi importante en Monterroso hai vinte anos, e outros deportes.
—Foise perdendo a afección polo deporte?
—A afección polo deporte non se perdeu, pero antes era máis heteroxéneo e había máis xente que se dedicaba a outras moitas disciplinas, había máis variedade, agora está todo máis centrado en determinados deportes, como o fútbol ou o atletismo. A escola de fútbol, por exemplo, é enorme: hai unha en Antas, outra en Monterroso e outra en Palas, así que para as 10.000 persoas da comarca hai tres escolas de fútbol, e tres escolas de fútbol non as hai en Chantada, que ten tamén 10.000 habitantes.
—Cal é a importancia do deporte como patrimonio e o seu papel na construción da memoria dun pobo?
—Digamos que hai unha eterna relación entre cultura e deporte, que a simple vista parece que non ten ningún sentido, pero si que o ten. No libro xa explico que a única vez que vin a tanta xente xunta, que non fora nun funeral, foi darredor dun campo de fútbol. O deporte tamén nos serve para socializar e aquí na nosa comarca, ao igual ca no resto de comarcas rurais, é un punto de reunión igual ou máis importante ca un funeral. Iso é relevante porque nas nosas tradicións están presentes festas máis alegres, coma o entroido, pero tamén outras moi ligadas á morte, ás meigas... e digamos que esas xuntanzas solo as dou extrapolado ao deporte, que é outro fío condutor de xuntarnos tanto.
Por outra banda, o deporte permítenos coñecer o patrimonio porque es capaz, por exemplo, de visitar igrexas ou outros monumentos subido nunha bicicleta, e houbo moitos eventos organizados en Monterroso e Palas que unían iso, a volta ciclista e o patrimonio. E todo o que ten que ver coa toponimia tamén está presente no deporte: o club ciclista de Monterroso, por exemplo, chámase San Miguel, en honor ao patrón do pobo, así que usamos o deporte como vía cultural, como relación social e co medio ambiente, non só por saúde e benestar.
—Que anécdotas recolle o libro?
—Recollo momentos globais, coma os Xogos Olímpicos, Rally Dakar, campionatos mundiais de fútbol ou o Tour de Francia, e eses momentos icónicos xúntoos con anécdotas vividas na comarca. Por exemplo, que Fernando Alonso veu correr a Monterroso nun kart, que o fundador do Club Baloncesto Breogán é de Antas ou que o Monterroso chegou a Rexional Preferente a finais dos 90... Para nós, na comarca, son fitos, que se poden extrapolar a outros que sucederon de maneira global.