A Foliada de Orbazai de Lugo será o 6 de xuño: «Cada vez máis xente quere aprender a tocar e bailar música tradicional»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Imaxe da pasada edición da Foliada de Orbazai
Imaxe da pasada edición da Foliada de Orbazai LAURA LEIRAS

A festa contará con actividades durante todo o día: feira de artesanía, música, baile, xantar popular, foliada e o concerto do grupo Os Carecos

28 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo listo para a Foliada de Orbazai, que se celebrará o sábado 6 de xuño. Esta será xa a décimo cuarta edición, polo que se trata dunha cita plenamente consolidada no calendario festeiro do municipio de Lugo. Da organización encárgase a Asociación Cultural Airiños de Orbazai, coordinada por Javier Pajón, que propón un completo programa de actividades durante toda a xornada: artesanía, música, baile, xantar popular, foliada e o concerto do grupo Os Carecos. E todo na contorna do local social de Xanares e da igrexa parroquial de Orbazai.

«Esta é unha cita tradicional que levamos celebrando desde o 2010, solo co parón da pandemia, e que ten lugar, cada ano, o primeiro sábado de xuño», comenta Pajón. A festa comezará ás 11.00 horas, cunha feira de artesanía, na que participarán arredor dunha decena de postos de artesáns locais e do resto de Galicia. Tamén haberá o festival de fin de curso das actividades de asociación e logo será o xantar. Pola tarde terán lugar as actuación musicais e, como novidade, un concerto, a cargo de Os Carecos. Logo será a foliada aberta popular.

Entre os grupos que actuarán na foliada están os da asociación Airiños de Orbazai. O grupo, ademais, continúa recollendo éxitos do seu último disco, Orixe, composto por dez versións propias de temas populares da música tradicional galega: «Fixemos unha tirada de 1.000 copias e van case vendidas», matiza Pajón.

 

Pero os proxectos non cesan en Airiños. Agora están inmersos na gravación doutro disco, que contan ter listo para o San Froilán, das Cantareiras D’Xanares.

 

Canteira de músicos

O interese pola música tradicional non deixa de medrar, e diso poden dar boa conta en Airiños de Orbazai: «Cada vez temos máis alumnos e xa se nos fan pequenas as nosas instalacións», recoñece o coordinador de Airiños. De feito, notan que «cada vez hai máis xente que quere aprender a tocar e a bailar música tradicional», comenta Javier Pajón.

Ademais, hai canteira, pois só no grupo de menores de 12 anos xa contan cunha vintena de cativos. En total, na asociación son, nas distintas especialidades, uns 110 alumnos este curso, unha cifra que non deixa de aumentar.

 

Programación

O programa da foliada do día 6 é o seguinte:

· 11.00h. Apertura da feira de artesanía

· 12.00h. Festival de fin de curso das distintas actividades da asociación: canto e pandeireta, pasarrúas, tamboril, gaita e baile tradicional

· 14.30h. Xantar popular, cun menú composto por entrantes (empanada de carne, xamón cocido, mexillóns á vinagreta e pementos de padrón), carne asada con patacas fritidas e pementos italianos, sobremesa e café. Custa 20 euros para socios, 30 para non socios, 15 para nenos de 5 a 14 anos, e gratis para menores de 5. Hai que anotarse antes do xoves 4 no 607 368 490

· 18.00h. Actuacións do Grupo de Baile Airiños de Orbazai, As Xarutas, Asociación Folclórica O Arco da Vella (San Miguel de Reinante, Barreiros), D’Xanares (Lugo) e o Grupo de Cantos Populares Airiños de Orbazai

· 22.00h. Concerto de Os Carecos

· Ao remate, Foliada aberta popular