Lugo celebra as Letras Galegas con música, charlas, teatro e unha Feira do Libro chea de propostas

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Faíscas da Pontraga actuarán o sábado en Vilalba
Faíscas da Pontraga actuarán o sábado en Vilalba

A gran cita das librarías abrirá na Praza Maior o mércores 13 co pregón de Lois Pérez, a presentación dun libro sobre olería lucense e a participación dos escritores Francisco Narla, Pablo Vila e Eduar Garza

12 may 2026 . Actualizado a las 13:17 h.

Lugo celebra as Letras Galegas con música, charlas, recitais, cine, teatro e unha Feira do Libro cargada de propostas.

CASTRO DE REI (CASTRO DE VILADONGA)

· Concerto. Luns 18. Actuación dos músicos Francisco José Castro e Valerio Araújo, Poesíacordes, para alumnos de ESO e BAC. Trátase cun espectáculo baseado na música pop galega dende os anos 70, así como na poesía galega musicada.

· Narración oral. Mércores 20. Función de narración oral escénica inspirada na obra de Begoña Caamaño, da man de Soledad Felloza.

COSPEITO

· Festival Beteluma. Sábado 16. II Festival Beteluma Letras Galega Grupos da Terriña, a partir das 20.30 horas na Feira do Monte, coa Coral Polifónica Municipal Virxe do Monte, Os do Campo e Beteluma Cantareiras.

GUITIRIZ

· Encontro persoas maiores. Mércores 13. Encontro de persoas maiores de Xestoso, Cambás, Momán, Labrada e Guitiriz coas Letras Galegas, en A Casilla, de 12.00 a 17.00 horas. Haberá música, palabra compartida, mesa común, lecturas e comida de confraternidade.

· Romaría do San Alberte e Festa da Fala. Domingo 17. Xermolos organizan a Romaría do San Alberte e Festa da Fala, que se celebrará durante toda a xornada do domingo en Sambreixo. Ás 10.00 comezará a andaina libre pola Ruta da Auga, con saída desde o Campo da Feira de Guitiriz. Tamén haberá mostra de artesanía e misas. Ademais, desde as 13.00, terá lugar a misa e procesión a cargo dos máis miúdos de Xermolos; homenaxe á Cega de Miranda, a cargo de Xosé Luis Rivas Cruz «Mini»; e sesión vermú, liscos e chourizos de balde. A continuación, terán lugar as actuacións de Caivanca, Xermolos e Noxo me das, e rematará a festa con foliada aberta.

LUGO

· Charla sobre Begoña Caamaño. Martes 12. A biblioteca da Escola Oficial de Idiomas acolle ás 18.00 a charla Celebrando a Begoña Caamaño, a cargo de Merce Teixeiro Gato, que foi profesora da EOI, antiga coordinadora de biblioteca e íntima amiga de Begoña Caamaño. Teixeiro deu o pregón da Feira do Libro de Santiago este ano e é dinamizadora cultural desde a súa posición de profesora no CIFP Compostela.

· Palabras. Martes 12. Acto «Begoña Caamaño nas nosas voces», ás 20.00 no Templete da Praza Maior.

Lois Pérez dará o pregón da Feira do Libro de Lugo
Lois Pérez dará o pregón da Feira do Libro de Lugo ALBERTO LÓPEZ

· Feira do Libro. Do mércores 13 ao domingo 17. A cidade celebra esta semana a Feira do Libro, na parte alta da Praza Maior, que abrirá de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, agás o mércores e o xoves, que só estará pola tarde. Participan a Libraría Agrasar, Servizo de Publicacións da Deputación, Trama, Pedreira, Muralla de Cómics, La Voz de la Verdad, Mar de Letras, Aguirre, Cartabón, Boulevar Libraría Edicións, Casa del Libro, Perseida, El Faro de los Tres Mundos, Astora Cómics, Biblos e Totem Cómics, que ofrecerán un 10 % de desconto. O acto inaugural da Feira será o mércores ás 18.00 horas, co pregón do poeta Lois Pérez. Ademais, ás 19.30 terá lugar a presentación do catálogo Conciencia dunha tradición. A olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, coa participación de Luis Hixinio Flores, Óscar Lantes-Suárez, María Pilar Prieto, Manuel Fernández «Lolo», Orlando Viveiro e Iria Castro. Por outra banda, estarán presentes, en distintas casetas das librarías, os escritores Francisco Narla (Ultreia), Pablo Vila (Os fillos da memoria) e Eduar Garza (Mientras esperas a Godot).

· Poesía. Xoves 14. Continúa Lugopoética, con Martiño Maseda Lozano e Beatriz López Dourado, ás 18.30 horas na UNED.

· Concerto «As rúas do vento ceibe». Venres 15. Estrea dun proxecto musical que reunirá máis de 300 voces de todo o país, impulsado pola Fundación Manuel María, As rúas do vento ceibe. Trátase dunha actuación musical con poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, con música de Xosé Carlos Seráns Olveira. Participan a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, o Coro Xuvenil (IES A Xunqueira de Pontevedra, Voces da Terra Chá e Peque Coro in Crescendo de Ferrol), o Coro Mixto (Coro de Cámara Thalassa de Marín, Coro do Hospital de Lugo, Coro LIceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra), a mezzosoprano Julia Portela Piñón e David Fiuza como director. Será no Auditorio Fuxan os Ventos, ás 20.30 horas, con entrada de balde.

· Vermú literario e concerto. Sábado 16. O Club Clavicémbalo celebra as Letras Galegas cun «vermú literario» ás 12.00, coa presentación de Hoxe toca Leiva (Xerais), de Lois Pérez. Xunto ao autor estarán Antía Otero e Martiño Noriega. E ás 22.30, noite de folk galego cos concertos de Airiños da Freba e Axeigo.

 MONTERROSO

·Recitado. Domingo 17. O Concello organiza no Espazo Lorenzo Varela, ás 12.30 horas, unha serie de actos polas Letras Galegas. Haberá recitado de poemas de Lorenzo Varela e lectura de citas de Begoña Caamaño, a cargo de nenos e nenas, ademais de reflexións arredor destas dúas figuras. Tamén haberá poemas de Pablo Batán.

RÁBADE

· Conto. Sábado 16. Presentación do conto Rábade. Unha vila de conto, de Leticia Freire Veiga, no centro sociocultural ás 17.00 horas. As persoas asistentes levarán o conto de agasallo.

SAMOS

· Concerto. Domingo 17. Actuación da Banda de Música da Comarca de Sarria e Alumnado do CEIP de Samos, baixo a dirección de Manuel Montero. Será na Praza Vergara Vilariño ás 13.00 horas.

SARRIA

· Concerto. Venres 15. Actuación da Escola Municipal de Música de Sarria, coa Minibanda, Clarisaxos e Coro Linguaxe Musical EsMuSa, a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura.

· Festival de música, canto e teatro. Domingo 17. Festival Letras Galegas na Sociedade A Unión, desde as 19.30 horas. Actuarán a Banda de Música de Sarria, Sarricanta Coro, Cantareir@s da Unión e Rebuldeira Teatro.

TRIACASTELA

· Teatro. Domingo 17. Teatro reivindicativo a cargo de Zoela, Asociación Cultural de Becerreá, Un futuro diferente é posible, obra realizada a partir do IV Concurso de Relatos Curtos sobre Violencia de Xénero. Será ás 19.00 horas na igrexa.

VILALBA

· Música. Sábado 16. Concertos na Praza da Constitución, a partir das 18.30 horas, con grupos de música tradicional de Vilalba (Cerna de Árbol, Entre Lusco e Fusco, AACC de Andrade, Buxos Verdes e Batifoula), en lembranza a Carlos Celeiro Arias «Morón». E, a partir das 20.30 horas, concerto do grupo Faíscas da Pontraga.

· Iescha. Domingo 17. Pasquín na web e nas redes en defensa da lingua galega, a cargo do Instituto de Estudos Chairegos.

· O resto do mes de maio. O Iescha continúa celebrando o Mes das Letras Galegas coa presentación do libro Semente de mencer, o xoves 21; palestra sobre as Letras Galegas, o venres 29; e ruta por Viveiro o domingo 31.

XERMADE

· Xornadas Interxeracionais Rurais. Sábado 16. Continúan as XXII Xornadas Interxeracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores, en Cabreiros, cunha xornada dedicada ás Letras Galegas. Ás 11.00 terá lugar unha charla sobre a figura literaria de Begoña Caamaño, con Noelia Rodríguez, do CEESG; Laura Pardo, bibliotecaria de Xermade; e Rubén López, director do CEIP Plurilingüe de Xermade. Tamén se fará unha lectura de textos de Begoña Caamaño por parte do Clube de Lectura de Cabreiros, e haberá unha representación teatral do alumnado de sexto de primaria, As que non eran malas. Pola tarde, ás 17.30, haberá proxección da curtametraxe A rosa incandescente, coa guionista Anxos García; e ás 18.00, obradoiro de debuxo con Leandro Lamas.