Becerreá celebra o Día das Letras Galegas cun festival innovador que destaca o talento local
LUGO
A asociación Rente ao Couce organiza para este sábado, 9 de maio, unha xornada con moita música, cultura e tradición. Será a partir das 17.00 horas na Praza do Concello
06 may 2026 . Actualizado a las 20:00 h.En Becerreá leva tempo celebrándose o Día das Letras Galegas por todo o alto. A asociación Rente ao Couce organizou diferentes actos, dende presentacións de libros ata recitais de poesía, para homenaxear a nosa lingua e cultura nun día tan sinalado. Pero este ano van un pouco máis aló coa posta en marcha dun festival innovador que destaca o talento local. Trátase dun evento ao que lle chaman Galego Lingua Viva, que se celebra este sábado 9 de maio a partir das 17.00 horas na Praza do Concello, e que contará con diferentes actividades para todos os públicos.
Contan dende a organización que os actos doutros anos estaban máis restrinxidos a algún gusto ou particularidade en concreto, e que querían abrilo a todo o público. A xornada, presentada polo escritor local Xesús Trashorras, contará cunha parte máis tradicional, que é a foliada a cargo da asociación Courelouzara e Son de Cores, de Becerreá, e tamén co concerto a cargo do grupo As Pías, enfocado en folk galego de corda.
Por outra banda, haberá unha serie de regueifas con xente nova, duns 20 anos, Nuria Penas e Xairo de Herbón. Ademais, poetas e artistas locais, como son Andrea Valle —filóloga e poeta de As Nogais—, Beatriz Dourado —nacida en Barcelona, pero con raíces galegas e naviegas—, Eva Teixeiro —natural da Terra Chá, vencellada tamén a terras lucenses— e Brenda Mourelo —natural de Pedrafita do Cebreiro, reside en Lugo—, poñerán voz a varios fragmentos de textos de Begoña Caamaño, xornalista e escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.
Colaboran co acto o Concello de Becerreá e a Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura.