Unto Vello, Os Carecos e Mediarea actuarán o día 23 no festival Zumbanocoiro de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Os Carecos darán un concerto no festival Zumbanocoiro
Os Carecos darán un concerto no festival Zumbanocoiro XOAN A. SOLER

A Volta do Agro organiza unha cita musical centrada na cultura tradicional galega

01 may 2026 . Actualizado a las 11:25 h.

A asociación A Volta do Agro organiza unha nova edición do festival Zumbanocoiro, que terá lugar o sábado 23 na Praza de Santa María de Lugo. O cartel deste ano estará composto por tres propostas destacadas da escena galega, como son Unto Vello, Mediarea e Os Carecos.

A cita musical supón un claro compromiso coa cultura de base e a música tradicional galega. Trátase dunha aposta conxunta por consolidar unha cita cultural que pon en valor a música de raíz e o talento local, e que conta co apoio do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación.

Unto Vello actúan no Zumbanocoiro
Unto Vello actúan no Zumbanocoiro VÍCTOR ABELLEIRA

O dúo Unto Vello chega cun proxecto que nace das recollidas de música tradicional galega e que ten como resultado un espectáculo dedicado ao baile, que «tece comunidade en cada actuación».

Pola súa banda, Mediarea chega coa idea de dar proxección á creatividade expresada en composicións propias que condensan a súa experiencia previa, «desde o amor pola música patrimonial, os instrumentos acústicos galegos e a paixón pola festa e o baile».

En canto a Os Carecos, as súas polifonías e o traballo vocal sobresaen notoriamente na súa proposta, así como «un dominio total das percusións de man, conformando unha formación impecable, elegante e orixinal dentro do seu estilo».?Foula é o seu primeiro disco, no que o grupo reafirma o seu «compromiso de levar dende as súas orixes o folclore galego cara a novas audiencias, abrindo camiños na música tradicional e demostrando que a mestura de tradición e innovación pode resultar nunha experiencia verdadeiramente valiosa».