Unha ruleta das emocións creada en Lugo que estimula a mente a partir da poesía, a música e a danza
LUGO
A Escola de Idiomas, o Conservatorio de Música e o de Danza participan nun proxecto conxunto co que se busca tamén dinamizar a nosa lingua
01 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xirar a «ruleta dos sentimentos» e acceder así a poemas galegos con música e a unha coreografía en función da emoción que resulte. Esta é a experiencia que propoñen a Escola Oficial de Idiomas de Lugo, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e o Conservatorio Profesional de Danza. Os tres centros traballan nun proxecto de innovación educativa co que pretenden dinamizar a nosa lingua e estimular a mente sen efectos adversos, unindo a poesía, a música e a danza. «Fixemos unha selección entre 15 poemas e montamos unhas mesas estilo laboratorio en cada centro para que a xente escollera os cinco que máis lle gustaran. Ao mesmo tempo tiñan que asocialos a uns sentimentos, que viñan en forma de pedriñas de cores», explica a coordinadora do equipo de Dinamización da EOI, Ana B. López.
A ruleta, que ten unha versión online á que se accede a través dun código QR e unha física que pode verse xa na Escola de Idiomas e no Conservatorio de Danza —e nunhas semanas tamén estará no de Música—, inclúe pezas de Xela Arias, Ramón Cabanillas, Manuel María, Luz Pozo Garza, Marica Campo ou Pilar Pallarés, asociados ao medo, a esperanza, a morriña, a rabia, a calma, a ledicia ou o amor.
Así encóntranse obras como O Carballo, Vin, Oda á filloa ou Galiza. Cada un dos versos escollidos foi musicado polo alumnado do Conservatorio e os seus compañeiros de Danza asociáronlle unha coreografía. Todos estes recursos poden verse, escoitarse e desfrutarse a través da ruleta que crearon. Ademais, na versión dixital están incorporando pouco a pouco un apartado relativo á obra de Begoña Caamaño, a quen se lle dedica este ano as Letras Galegas. Recollen deste xeito pezas —cancións como Falares de Amor Uxía Senlle ou Mágoa no Corasón de Manolo Bacalhau— coas que se homenaxea directamente a figura da escritora, xornalista e activista ou que gardan unha especial vinculación con ela.
Un equipo de recitadores
Paralelamente a todo ese traballo, creouse un equipo de recitadores, que aínda está aberto para alumnado, profesorado ou persoas externas ao centro que se animen a tomar parte. Os recitadores tiveron o seu oco no programa polo magosto, o Día de Rosalía ou no acto de clausura, no que tamén participou Lois Pérez, autor dun dos poemas incluídos na ruleta. Nesa xornada final, os versos recitáronse nas distintas linguas que se imparten na EOI, onde se fixeron os traballos de tradución. Tamén se sumou o alumnado da Ramón Falcón, que fixo ilustracións dos poemas musicados.
Pero a proposta, que xira baixo o lema «Música e poesía en movemento: sentido a lingua», non parte de cero. O Laboratorio dos sentimentos é unha continuación da Botica da lingua a través da que crearon unhas pílulas para combater a tristura e a soidade e fomentar o galego apoiándose na poesía e na música e coa que recibiron un premio á innovación educativa o curso pasado.
«Queríamos facer algo diferente e tamén nos daba pena que quedase aí. Por outra banda, estaba a posibilidade de colaborar co Conservatorio de Danza e facer un proxecto conxunto os tres», agrega a coordinadora do equipo de Dinamización da Escola de Idiomas. Ese traballo en conxunto, destaca, deu os seus froitos e foi moi satisfactorio: «Aprendes moito. Na Escola de Idiomas todos os departamentos colaboraron á hora de traballar con eses poemas galegos nas aulas, que non sempre é fácil. Funcionou moi ben e todo o mundo o aceptou estupendamente».