Lugo reflexiona sobre os museos como espazos de saúde e paz: «É necesario humanizar. Onde os demais ven obxectos, nós vemos testemuñas humanas»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do foro internacional de museoloxía social que organiza a Rede Museística Provincial
Presentación do foro internacional de museoloxía social que organiza a Rede Museística Provincial

A Rede Museística Provincial acolle en maio e xuño un foro internacional de reflexión colectiva sobre a museoloxía social, baixo o título «Saúde, cultura de paz e bo vivir», un lema transversal que empapa toda a actividade destes espazos, xestionados por Encarna Lago: «Queremos que as persoas se sintan ben, partícipes, sen estar excluídas e con museos accesibles»

26 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Saúde, cultura de paz e bo vivir. Un lema tan ambicioso como necesario e que a Rede Museística Provincial de Lugo, xestionada por Encarna Lago, tomou este ano como mantra transversal que empapa cada unha das actividades que organizan nos catro museos que integran a Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza de San Paio de Narla, Museo do Mar de San Cibrao e Pazo de Tor). De aí que tamén sexa o título elixido para o quinto foro internacional sobre os retos actuais da museoloxía social que organizan desde a Rede. Será un espazo de conversas, con profesionais de referencia do ámbito iberoamericano, que terá lugar entre maio e xuño para explorar o papel dos museos e das institucións culturais como espazos capaces de contribuír ao benestar individual e colectivo, á construción de vínculos e á mellora da vida en común.

Esta nova edición busca dar resposta a tres cuestións chave: Como poden os museos contribuír ao bo vivir das comunidades; de que maneira poden fortalecer a saúde comunitaria, a cultura da paz e os dereitos culturais; e que metodoloxías e prácticas están a activar distintos museos e axentes culturais para responder aos desafíos do noso tempo desde o coidado, a mediación e a acción colectiva. Para iso, participarán expertos de España, pero tamén de Colombia, Ecuador ou Chile. Esta relevancia internacional vese ademais reforzada polo respaldo de Somus-IC, o Comité Internacional para a Museoloxía Social de ICON, dentro dun marco internacional de reflexión, investigación e acción arredor da función social dos museos.

Estes piares da paz, a saúde e o bo vivir forman parte dunha coidada planificación por parte da Rede porque, como aclara Encarna Lago, «a diferenza entre unha xestora e unha soñadora é ter un plan, con programas, actividades e tarefas». Para iso, á xerente gústalle empregar a metáfora do microscopio e o telescopio: «Usamos un microscopio, para analizar o que necesita o territorio da provincia de Lugo e mirar de que maneira a cultura pode solucionar ou axudar a solucionar os problemas de carácter social, e usamos un telescopio para abrir o campo de mirada e analizar de que maneira eses problemas que podemos ter en Lugo se están enfocando en outras institucións culturais do mundo», aclara. Desa necesidade de aprender xuntos, de abrir espazos de aprendizaxe e de compartir experiencias para saber como se están enfocando estas problemáticas nace este foro internacional de museoloxía social, porque «quen non sabe para onde ir, calquera camiño lle serve».

Viven 126 nacionalidades

Partindo da consideración dos museos como «centros de coñecemento e de educación», a Rede busca, a través da museoloxía social, «analizar, pensar e reflexionar» para contribuír a esa saúde, paz e bo vivir. E como logran os museos aportar o seu gran de area? Pois facendo «que as persoas se sintan ben, partícipes, sen estar excluídas, que teñas a condición que teñas e veñas de onde veñas sintas que eses museos son teus e que son accesibles», aclara Lago. Neste sentido, Lago lembra que en Lugo conviven 126 nacionalidades, así que «culturalmente somos tremendamente ricos»; e cultura de paz tamén é «facer que todas esas persoas non se sintan excluídas, e que saiban que o museo tamén é seu».

«Os museos son centros de coñecemento e de educación»

A xerente alerta de que a cultura é unha palabra que aínda segue moi vinculada á elite, cando «o verdadeiro rigor consiste en facer que o coñecemento empape ás persoas, para que as persoas, a través da cultura, reivindiquen os seus dereitos para sentirse partícipes dunha sociedade cada vez máis xusta». A museoloxía social, que xa se expandía nos anos oitenta en Portugal da man do Minom, busca poñer ás persoas no centro: «É necesario humanizar e reivindicar que onde os demais ven obxectos, nós vemos testemuñas humanas, que é o que albergamos os museos». E iso tamén implica aprender a contemporaneizar o pasado para aprender del.

Encarna Lago lembra que a Rede se converteu en pioneira a nivel mundial por construír «unha rede de escoita activa, empezando a ver cos ollos dos demais. E iso é cultura de paz, bo vivir e saúde. E iso fixo que a nosa cidade acadase recoñecementos, como unha cidade humana, iso é unha maneira diferente de entender a cultura, entendendo os museos como infraestruturas sociais, espazos de acollida e de participación».

Programa do foro

Os contidos e os enlaces das conversas que se desenvolverán no foro estarán dispoñibles a través dun espazo dixital de aprendizaxe e intercambio, que funcionará como repositorio de experiencias, testemuños e propostas vinculadas á saúde, á cultura de paz e ao bo vivir nos museos. O programa, para o que se pode formalizar a inscrición gratuíta, é o seguinte:

· Mércores 13 de maio

Conversa 1 con Gabriela Morejón, xefa de Espazo Público e Mediación Comunitaria da Fundación Museos da Cidade de Quito (Ecuador), e Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.

· Mércores 20 de maio

Conversa 2 con Vanessa Acosta, directora de Educación do Museo de Antioquía (Colombia), e Roser Sanjuan, responsable de Programas Públicos no Centre d’Art la Panera (Lleida).

· Mércores 3 de xuño

Conversa 3 con Darío Aguilera, director do Museo La Ligua Arturo Quezada Torrejón (Chile), e Iratxe Momoitio, directora do Museo da Paz de Gernika (Bizkaia).

· Mércores 10 de xuño

Conversa 4 con Lucía Bianco, directora do Museo do Porto Ingeniero White (Arxentina); Francesc Cabañés, xefe de Difusión Cultural, Didáctica e Comunicación, e Carles Sobrevias, técnico de servizos culturais de L’Etno, Museu Valencià d’Etnología (Valencia).

Banco de experiencias

Por outra banda, o foro inclúe un «Banco de experiencias» para que os participantes compartan frases, impresións ou testemuños breves que axuden a comprender como se vive e se sinte o museo: «As persoas que se matriculan teñen a opción, situándose nun mapa do mundo, de facer un envorcado neste espazo dixital de aprendizaxe e de intercambio», explica Lago, porque «traballos de investigación sobre museoloxía social hai moitos, pero fan falta experiencias reais», aclara.

O programa completo e os formularios de inscrición están dispoñibles en comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2026/.