O narrador Carlos Rebolo estrea espectáculo en Lugo: «O público ten ganas de volver ao tradicional, ao sinxelo, de xuntarse e botar uns contos»
LUGO
A compañía lucense Ítaca Teatro presenta o xoves 9 na Biblioteca Pública «Achifánfanos», unha proposta de narración oral sobre pequenas historias construídas a partir de lembranzas. Ademais, o sábado 11 despiden a xira de «Formigas no peto», cunha última función no Escenario Hipócrita
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Semana de estreas e despedidas na familia cultural da compañía lucense de teatro profesional Ítaca Teatro. Este xoves, día 9, estrean o seu novo espectáculo, Achifánfanos, unha proposta de narración oral que se poderá ver ás 20.00 horas na Biblioteca Pública de Lugo, con entrada de balde. Por outra banda, o sábado 11 ofrecen a derradeira función de Formigas no peto, ás 20.00 horas no Escenario Hipócrita, con reserva de entradas no WhatsApp do 604 046 270.
O actor, narrador, director e profesor lucense Carlos Rebolo, creador —xunto a Elea López— de Ítaca Teatro, protagoniza ambas funcións. No caso da despedida de Formigas no peto, Rebolo, narrador e protagonista da peza, constrúe unha viaxe pola memoria e a infancia a través das lembranzas: historias que se entrelazan con personaxes cotiáns e imaxes evocadoras do cine e da literatura, creando un universo onde o real e o imaxinario conviven. As «formigas» que habitan no peto convértense así en fragmentos de memoria que percorreron os escenarios de toda Galicia, medrando e transformándose en cada función, e que agora atopan a súa despedida definitiva. Carlos Rebolo, que leva anos facendo da palabra un espazo de encontro co público, pecha esta etapa ofrecendo unha derradeira oportunidade para gozar dunha peza que deixou pegada alí por onde pasou, combinando sensibilidade, retranca e reflexión.
Polo que respecta a Achifánfanos, trátase dunha proposta de narración oral construída a partir de lembranzas, obxectos e pequenas historias. Trátase dunha viaxe íntima e chea de humor pola memoria persoal, onde anécdotas aparentemente insignificantes cobran vida sobre o escenario. Rebolo leva anos compartindo palabra e emoción desde o escenario e presenta agora un novo traballo de Ítaca Teatro, no que a retranca, a proximidade e a reflexión volven ser protagonistas, convidando ao público a recoñecerse nas pequenas cousas da vida.
—Como é este novo proxecto?
—Achifánfanos é fillo dos espectáculos Formigas no peto e de Anacos. Cando estabamos montando, hai máis de cinco anos, Formigas no peto, conformamos unha serie de historias, un repertorio de historias que non cabía ao completo nese espectáculo. Así que deixamos unhas cantas en reserva, e con elas naceu Anacos. Dentro desa reserva de historias hai unha que leva por título Achifánfanos. Esa é unha palabra que usaba a miña avoa e, a pesar de que ela non puidera estudar, definíaa cunha claridade meridiana, coma se fora membro da academia da lingua: dicía que «achifánfano» é toda aquela cousa, obxecto ou aparello aparentemente inservible que, por algunha razón, motivo, causa ou circunstancia un decide gardar, sen saber moi ben por que. Esta definición, que usaba a miña avoa e que eu herdei dela, é un pouco o xerme deste novo espectáculo, que se chama así en homenaxe a ela e porque eu, ademais de coleccionar trangalladas ou achifánfanos ao longo da miña vida, tamén lle chamo «achifánfanos da memoria», dalgún xeito, a historias e anécdotas que decidín recuperar da miña biografía, recordos da infancia, e que me levan a navegar polo universo dos anos 70 e 80. Eses «achifánfanos» vanme levando a facer un percorrido que trato de compartir co público, por un universo, en certa maneira, común para todos.
—De que zona de Galicia procede a palabra «achifánfano»?
—Pois, a verdade é que non o sei. A miña avoa nacera na zona de Friol, pero pasou a maior parte da súa vida en Lugo, e si que traballou na fonda que había preto da estación de autobuses, e ao mellor lla escoitou a algún viaxeiro, non o sei. Pero houbo unha ocasión, na Mariña lucense, despois dunha contada que fixen de Anacos, en que se me achegaron unhas persoas para darme as grazas por recuperar esa palabra, que se usaba moito pola zona. E fíxome moita ilusión.
—O espectáculo desenvólvese ao xeito dun monólogo?
—Si. É un espectáculo de narración oral, non é un monólogo teatral porque na narración oral non hai cuarta parede e, de feito, o contador de historias precisa de ver ao público e de interactuar con el porque, realmente, o que trata é que se faga unha viaxe conxunta. É similar ao que acontece cando facemos unha viaxe en autobús: imos de excursión todos xuntos, facendo a mesma viaxe, pero un vai mirando unha ventá, vendo unhas cousas, outro fíxase noutras... E a narración oral consiste un pouco niso. Así que é un espectáculo desprovisto de escenografía e de calquera outro artificio teatral.
—Como responde o público a esta falta de artificios nun tempo de tanta tecnoloxía e grandes postas en escena?
—Pois a xente agradéceo moito e habitualmente achéganse despois das sesións a compartir os seus recordos e historias. Nótase que o público ten ganas de volver ao tradicional, ao sinxelo, de xuntarse e botar uns contos, sen máis.
—E, dous días despois desta estrea, chega a despedida de «Formigas no peto», verdade?
—Efectivamente. Trátase do espectáculo precursor e catalizador deste repertorio de narración. Formigas no peto si que é un espectáculo teatral. Aínda que tamén estou eu só en escena si que hai moitas máis cousas porque é un espectáculo que mestura narración oral, teatro de intérprete e teatro de imaxe. A escenografía é moi coidada, o vestiario foi deseñado para o espectáculo, ao igual que a música orixinal, creada por David Alonso Garzón, unha iluminación deseñada por José Campanari, e unha dramaturxia de Campanari e Ana Carreira, en colaboración comigo.
—Que balance fai deste espectáculo?
—Foi un espectáculo que naceu xusto despois da pandemia, así que tivo un comezo algo accidentado. Pero estamos moi contentos polo percorrido que tivo, viaxando por toda Galicia.
—Por que elixiron o Escenario Hipócrita para a despedida?
—Porque é o espazo onde empezou todo. Ítaca Teatro comparte local coa asociación cultural Hipócrita Teatro e como é aí onde empezamos os nosos proxectos, xa que é o local de ensaio noso, pois adoitamos tratar de rematar as cousas onde sempre empezan. Así que o Escenario Hipócrita é o mellor sitio para poñer o punto e final a esta montaxe e a este percorrido que tivo.