Un xardín inspirado en Rosalía de Castro no colexio público de Meira

LUGO

Un momento do acto de presentación e inauguración do novo xardín do colexio de Meira
Un momento do acto de presentación e inauguración do novo xardín do colexio de Meira LAURA LEIRAS

Os alumnos creárono con plantas que figuran nos poemas da escritora nunha actividade encadrada no programa de educación ambiental Voz Natura

29 mar 2026 . Actualizado a las 12:55 h.

O colexio público Poeta Avelino Díaz, no municipio de Meira, conta xa cun xardín dedicado a Rosalía de Castro e inspirado na súa obra. O pasado luns, os alumnos realizaron unha plantación dentro dun acto no que se conmemoraron varias datas significativas. «Celebramos ao mesmo tempo a chegada da primavera, o Día da Árbore [21 marzo], o Día da Poesía [na mesma data], o Día da Auga [22 de marzo] e o Día da Meteoroloxía [23 de marzo]», explica a profesora Beatriz Páramo Iglesias, que coordina no centro as actividades de educación ambiental do programa Voz Natura, no que se encadrou esta iniciativa.

O xardín foi creado con plantas que a escritora citou nos seus poemas: amorodo, romeu, lavanda, xasmín, pensamento, violeta, camelia, caravel e oliveira. Para este proxecto, sinala a docente, tomouse como referencia «unha obra preciosa»: O herbario de Rosalía, un libro de María López-Sández, María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga que foi publicado pola Fundación Rosalía de Castro. Previamente plantouse un limoeiro «como símbolo de enerxía e sorte». O acto foi presentado por alumnos de sexto de primaria. O xardín quedou sinalizado cun cartel principal e pequenos letreiros elaboradoss con pezas de quebracabezas e paus de comida asiática en desuso que pintaron e rotularon os alumnos de educación infantil.

As actividades de educación ambiental, di por outra parte a profesora, tamén comprenden un labor de reciclaxe que se leva a cabo desde hai anos. O colexio converteuse no actual curso escolar nun centro receptor de nove tipos de materiais de refugallo: plástico, cartón, vidro, aceite usado, tapóns, rotuladores, restos de elementos de escritura, pilas e tóners. Ademais, os restos orgánicos do horto escolar e das merendas aprovéitanse nun composteiro.

Recollida de vidros

No colexio, así mesmo, lévanse a cabo campañas trimestrais de recollida de vidro nas que os alumnos de cada clase recuperan envases que entregan as súas familias e veciños, e tamén os comercios da vila. «No primeiro trimestre recolléronse en cinco días 741 envases e no segundo chegouse a 1.554», apunta Beatriz Páramo. «A ver se nos superamos no terceiro trimestre», engade.

No centro organízanse tamén diversos obradoiros e actividades con materiais de refugallo nos que elaboran agasallos de Nadal e do Día do Amor. Por outra parte, os alumnos de todos os cursos participan nos traballos de preparación e cultivo dun horto escolar que consta de oito parcelas e no que proximamente farán unha plantación de primavera. «Imos plantar máis árbores froiteiras porque queremos ter unha zona específica para elas», di a profesora.

Páramo indica ademais que nas actividades de educación ambiental do colexio non só participan alumnos e profesores, senón tamén o persoal non docente, as familias, o Concello e diversas asociacións. «Sen estas persoas nada tería acontecido e o noso propósito é ir tecendo aos poucos redes de coidado do centro e do medio ambiente con accións que teñan un impacto real e que perduren no tempo», conclúe Beatriz Páramo.

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.