Berio Molina, artista audiovisual da Fonsagrada: «As covas de Galicia teñen un son moi especial»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Berio Molina presentará a curta «Furada negra» na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
Berio Molina presentará a curta «Furada negra» na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

O cineasta presenta na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego o documental «Furada negra», sobre as covas galegas

10 mar 2026 . Actualizado a las 12:41 h.

As covas de Galicia custodian unha auténtica sinfonía xeolóxica: cascadas, ecos, o bater das ás das aves, sutís goteos, vento, chuvia... Esa peculiar paisaxe sonora foi recollida, con esmero e entusiasmo, polo artista audiovisual Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) e a súa equipa, e plasmada despois na súa última peza cinematográfica, Furada negra. A curtametraxe, de 22 minutos de duración, proxectarase este mércores, día 11, na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE). Será ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

A curta está baseada no libro Tesouro Espeleolóxico Galego, e constrúese a partir de materiais de arquivo recompilados polo Clube Espeleolóxico Maúxo. As imaxes e textos proceden deste fondo documental, anterior a 1970, que ao longo dos anos foi reunindo documentación arredor das covas galegas. Como non había constancia de gravacións históricas do son das covas de Galicia, o equipo decidiu gravar no interior destes espazos para construír unha paisaxe sonora que acompañase as imaxes de arquivo.

A proxección deste mércores forma parte da Sección Galicia, que reúne algunhas das voces e direccións máis singulares do cinema galego contemporáneo, como El cuerpo de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo, que se proxectarán xunto a Furada negra.

—Como xurde a idea deste filme?

—Está baseado nun libro, Tesouro Espeleolóxico Galego, que publicou aCentral Folque co Club Espeleolóxico Maúxo e con Alba Cid. O libro é un arquivo de textos e fotografías de covas galegas de antes do anos 70. A idea parte de aí, do contido do libro, para levalo ao formato audiovisual. Coa peculiaridade de que o arquivo só contiña imaxes e textos, faltaban os sons das covas. Así que fixemos un percorrido por diferentes covas galegas de diferentes zonas, como O Courel e Pontevedra, gravando o son das covas para facer a curta.

O libro ten unha estrutura moi peculiar, ten como moitas entradas, coma unha cova con varias bocas polas que entrar. Non ten un fío narrativo, é coma unha colaxe dun arquivo enorme. E a película funciona un pouco tamén así: cunha estrutura a modo de postais ou fragmentos polos que entras e de repente descobres algo. É un documental, pero non é un documental ao uso no que hai unha voz en off e che narra unha historia, senón que colle textos, imaxes e son e compón uns relatos que a veces son documentais e outras son ficción en como se relacionan eses sons, textos e imaxes.

—A paisaxe sonora é un elemento que cobra moita importancia nos seus traballos. Por que motivo?

—Eu traballo moito co son e fago pezas artísticas traballando moito a arte sonora. Levo tempo facendo arquivo sonoro. Tiven un colectivo, Escoitar, no que gravabamos moitas paisaxes sonoras galegas. Así que teño un interese persoal polo son. E esta parecíame unha boa ocasión para levar esta investigación sonora das covas galegas, que teñen un son moi especial.

—Cambia moito o son dunhas covas a outras?

—Si. De feito, esta imaxe que temos das covas con moito eco, en moitas delas non é así, case é todo o contrario, porque como as paredes son moi rugosas e parece que comen o son, en moitas case non hai eco. Ademais, hai moita presenza da auga. Tamén se escoitan bichos: a veces entra algún paxaro e óese como bate as ás dentro, ou moscas, morcegos... Cambian moito tamén dependendo da época do ano. No caso do túnel romano do Romeor, no Courel, si que hai moito eco, cando fomos nós estaba todo o chan cheo de auga e escoitábase moi ben.

Entre as covas que gravamos, estaban, por exemplo, as Covas de Ceza, no Courel; a do Pico Sacro, na Coruña; e as do Folón, en Vigo. A do Folón ten varias bocas pequenas —porque as covas graníticas non son como as típicas covas cunha nave grande—, senón que son pequeniñas, ten varias entradas, e nunha delas hai unha especie de cascada de oito metros que fai un son moi peculiar, porque a auga, ao caer na roca, fai un son forte, como «pum, pum, pum» e escóitase desde fóra cando chove moito e hai moita auga. Así que ten unha identidade sonora moi forte esa cova. E, de feito, din que se chama Folón porque recorda aos folóns polo ruído que fai. No caso do Pico Sacro, ten un son moi peculiar porque é unha cima, unha cova que cae en vertical dentro do monte, o son entra por unha das bocas e queda como dentro da montaña rebotando, facendo como unha reverberación moi grande. É como se o son todo da contorna se quedara encerrado dentro da Cova do Pico Sacro e quedara unha especie de memoria da parroquia que hai arredor; é moi curioso escoitalo.

—En que outros proxectos traballa actualmente?

—Agora teño unha exposición na Cidade da Cultura, As estacións do ano, onde precisamente instalei unha especie de cápsulas nas que hai son da cova do Pico Sacro. Estiven gravando o son no Pico Sacro durante todo o ano para ver como cambiaba dependendo das estacións e condicións meteorolóxicas. Na exposición hai unhas cabinas recubertas de la, que é moi bo illante acústico, e pódese escoitar o son da cova. Estará ata o 6 de setembro, comisariada por Mónica Alonso.