Yolanda Carballo, escritora de Triacastela: «Moita xente non fala das emocións porque non é consciente do importantes que son»
LUGO
Acaba de publicar o libro de relatos «Entre néboas e raiolas de luz», co que busca axudar e acompañar a xente que atravesa momentos «escuros», como perdas de seres queridos ou relacións tóxicas
10 mar 2026 . Actualizado a las 20:20 h.Yolanda Carballo Bahhaj (Triacastela, 1995) estréase no mundo editorial con Entre néboas e raiolas de luz, un libro que pon o foco no coidado emocional, que «nace da caída, de tocar fondo, de sentirse mal, buscar axuda e ser capaz de rexurdir con máis forza, intensidade e luz». Técnica de Laboratorio de profesión, esta veciña de Sarria ten a escrita e a lectura como compañeira inseparable desde que ten uso de razón, aínda que nunca escribiu con ánimo de publicar.
Todo cambiou cando, con 22 anos, sufriu a perda da súa nai. A ese tráxico episodio, que a deixou «devastada», seguiulle unha dura etapa a nivel emocional para esta moza, á que se sumou unha relación persoal «complexa». Aí a escrita foi todo un salvavidas: «A min axudoume acudir a terapia, pero, sobre todo, escribir, poñendo en palabras todo o que levaba dentro», recoñece Yolanda, que agora se declara «nun bo momento a nivel emocional».
De todo ese proceso de escrita xurde Entre néboas e raiolas de luz, con vinte relatos curtos que «pretenden ser un apoio, un consolo e un bálsamo de inspiración para todas aquelas persoas que, sen sabelo, non están a atravesar un bo momento nas súas vidas». Con este libro, a autora intenta «dar visibilidade á importancia da saúde mental, emocional e espiritual como punto de partida para acadar un equilibrio que favoreza a felicidade, a reflexión e o crecemento de quen o lea».
—Como nace este libro?
—Nace sen saber que ía ser un libro. A min sempre me gustou escribir, pero pasei un momento vital malo, cunha etapa complicada, e escribía para desafogar, non coa idea de publicar. Facía textos pequenos e empecei a pasalos ao ordenador. Un día, leunos unha amiga que tamén escribe e animoume a publicalos. Ao principio, non lle fixen caso, pero despois de darlle voltas, lanceime.
Fixen todo o proceso, desde cero, porque é unha autoedición: escribir, maquetar, poñer a portada, contraportada... Foi longo, pero axudoume unha amiga, fun paso a paso e tendo moita paciencia porque ademais son moi perfeccionista. A néboa que aparece na portada, por exemplo, é dunha foto real que saquei unha mañá de camiño ao traballo a Lugo, desde Sarria.
—Por que elixiu facer relatos curtos?
—Son vinte relatos curtos e lense moi rápido. A min ninguén me coñece como escritora e quería que, se alguén daba co meu libro, ler un relato lle pedise ler outro. Gustaríame que quen o teña lea todos os relatos.
—Que temas trata a publicación?
—O libro fala sobre os momentos escuros da vida, sobre estar mal, por relacións complicadas, pola perda dun ser querido... contado desde a miña experiencia persoal. E despois fala tamén do rexurdir, de aprender a gozar, do amor propio, de sentirse ben cun mesmo, de vínculos cos que tés que romper, de darse conta de que non todo o que pasa é culpa dun mesmo...
—Busca ser un libro de autoaxuda?
—A intención é que axude á xente. Igual hai alguén a quen lle serve ler estes relatos, o meu obxectivo é que axude e acompañe a esas persoas que están mal, que lles transmita tranquilidade e confianza no proceso.
—Que tal está sendo a acollida?
—O libro publicouse hai un mes e para min segue sendo raro porque non naceu para ser publicado. Véndese só en Amazon e, por agora, as reaccións que estou recibindo son de xente próxima, que me di que lles gustou, que se sentiron identificadas nalgún dos textos, que están desexando ler o seguinte libro porque este se lles fixo curto...
—Haberá entón segundo libro?
—Eu sigo escribindo porque me gusta, pero de aí a publicar outro libro, aínda é pronto.
—Estanse rachando os tabús sobre a saúde emocional?
—Non se lle dá aínda a importancia que ten. O problema é que normalmente non nos ensinan a xestionarnos emocionalmente e un vai dicindo «estou ben». Pero «estar ben» non é unha emoción, hai moitísimas máis emocións. E moita xente non fala das emocións porque non é consciente do importantes que son. Ao final, perder a un ser querido xera un cúmulo de emocións e non se lle dá a importancia que debería, nós mesmos pensamos que o imos superar sen problema e, ao final, acabamos necesitando axuda.