El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
O escritor de Lugo, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, foi valorado pola súa «proxección intercultural e multilingüe»
10 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, último Premio Babel de Literatura en Estados Unidos, poeta traducido a máis de oitenta linguas e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, acaba de ingresar na Academia Europea de Ciencias e Artes, durante unha sesión plenaria no Auditorium da Universidade de Salzburgo (Austria), onde ten a súa sede o organismo internacional. Recoñécese así «a proxección intercultural e multilingüe da obra de Rodríguez Fer, de ética humanista e estética vangardista, así como o comparatismo literario europeísta do autor do poemario Extrema Europa».
A Academia Europea de Ciencias e Artes, asociación non gobernamental comprometida coa promoción do progreso científico e social, é unha sociedade composta por científicos e artistas dedicados á investigación innovadora, á colaboración interdisciplinaria e transnacional e ao intercambio e difusión de coñecemento, que elixe como membros a personalidades destacadas polos seus logros nas ciencias, nas artes e na sociedade en xeral, tratando de tender pontes colaborativas e de contribuír á unidade de Europa con especial atención á súa historia, linguas, tradicións e cultura, sempre en defensa da paz e da tolerancia.
A Academia Europea conta con 38 premios Nobel entre os seus membros de honra, entre os que estivo o Premio Nobel da Paz Bernard Lown, fundador da Asociación Internacional de Médicos para a Prevención da Guerra Nuclear e creador do desfibrilador para a resucitación cardíaca; así como o arquitecto canadense Frank O. Gehry, creador do Museo Guggenheim de Bilbao e doutras obras mestras do desconstrutivismo arquitectónico. Entre outras personalidades, o escritor checo Václav Havel, último presidente de Checoslovaquia e primeiro da República Checa, foi un dos seus senadores honorarios. Actualmente, son membros da Academia Europea pensadores como o filósofo alemán Peter Sloterdijk, ensaísta referencial sobre moi variados temas de actualidade, e artistas como o escultor catalán Jaume Plensa, famoso polas súas esculturas de grandes cabezas espalladas polo mundo.