Rubén López, xerente do Pazo de Feiras de Lugo: «Ofrecemos o que necesita o consumidor en todos os aspectos da automoción»
LUGO
Comeza o Salón do Automóbil cargado de novidades: oito días de feira, charlas, ofertas e encontros con estrelas de rali e Fórmula 1
06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Comeza o venres 6 en Lugo un ambicioso Salón do Automóbil cargado de novidades. En primeiro lugar, a duración: mentres o Salón do Vehículo Novo terá lugar entre os días 6 e 8, o do Vehículo de Ocasión e Kilómetro 0 amplía as súas datas, abrindo entre os días 11 e 15. A estes oito días de feira cun salón de exposición e venda de vehículos, hai que sumar importantes descontos, charlas, música e encontros con estrelas de rali e Fórmula 1, que serán tamén retransmitidos por streaming. O Salón estará aberto no Pazo de Feiras e Congresos de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas e a entrada terá un custo de 3 euros, que permitirá o acceso aos dous salóns (un día a cada un deles). Os menores de 12 anos entrarán de balde. Ademais, quen merque a súa entrada en liña participará automaticamente no sorteo dunha entrada dobre para o partido do Río Breogán - Baxi Manresa do sábado 28 de marzo.
O Salón do Automóbil contará coa participación de todos os concesionarios de Lugo, que presentarán vehículos de máis de 400 modelos de 44 marcas diferentes: híbridos, familiares, deportivos, últimas tendencias...
Ademais da propia exposición de vehículos e servizo de venda, haberá actividades paralelas. O Salón transformarase nun espazo vivo, cun programa conducido e presentado polo coñecido creador de contido Fran Lorenzo (Galicia Nómada). O prato forte chegará a fin de semana, con convidados de luxo. O sábado 7, a xornada de charlas comezará ás 12.00 cunha mesa redonda titulada O coche eléctrico: presente e futuro, unha conversa fundamental para entender o mercado actual, que contará coa visión experta de Óscar Fernández (Grupo LugoCar), Benito Mayor (Grupo Breogán) e Ramón González (Balpersa). Xa pola tarde, ás 17.30, o Salón traerá a Fórmula 1 a Lugo cunha entrevista a Pablo Terroba. Este enxeñeiro viveirense, que formou parte do equipo Red Bull Racing e que gañou un Mundial xunto a Max Verstappen, contará desde dentro como se vive a máxima competición do automobilismo no box.
O domingo 8, ás 12.00 horas, a quenda será para o motor galego, cunha entrevista a Sergio Vallejo. O mítico «Lobo de Meira», campión de España de ralis no 2009 e 2014, ofrecerá unha charla imprescindible para os amantes das catro rodas. Todo este despregamento estará aderezado con servizo de cafetería e a música en directo de Álvaro Pardo (aka Mr. Fisherman), que porá sesións en directo tanto o sábado coma o domingo.
O xerente do Pazo de Feiras, Rubén López, destaca a gran participación no Salón do Automóbil e o completo e variado programa de actividades desta edición.
—Unha edición cargada de novidades...
—Si. Teremos a presentación de novas marcas e modelos, charlas formativas, encontros con profesionais da automoción, mesas redondas sobre temas de interese para os consumidores —como os vehículos eléctricos—, un DJ amenizando o evento todo o día... Queremos dar respostas ás cuestións que lle preocupan ao consumidor, en calquera das vertentes do motor.
—Vendo o programa, o Salón transcende a exposición comercial para ser un evento do motor moito máis completo, verdade?
—Ofrecemos o que necesita o consumidor en todos os aspectos da automoción, buscamos dar resposta ao que precisa en todo o referido ao motor: tecnicamente, comercialmente... e tendo en conta todos os puntos de interese. Por iso hai charlas, encontros... Pero iso non quita que tamén mantemos o salón como un evento importantísimo para a provincia en canto á compra e venda de vehículos.
—Os vehículos eléctricos centran a mesa redonda do sábado, ¿é este un dos principais intereses dos consumidores?
—Segue medrando o interese dos consumidores e tamén as consultas a este respecto. O número de vehículos eléctricos continúa incrementándose, está crecendo ese mercado e, por tanto, tamén o número de unidades eléctricas que presenta o mercado e que haberá na feira. Por iso, é un dos temas que xera máis preguntas por parte dos consumidores que valoran a opción de mercar un eléctrico: como está evolucionando o mercado, o tema da autonomía, que cada vez aumenta máis... Pero non se abandonan outros tipos de posibles compra-vendas: seguen presentes os híbridos, mixtos, enchufables e non enchufables, SUV... O mercado mantén a liña aberta en todas as posibilidades para o consumidor.
—Cantos concesionarios participan?
—Contamos con todos os concesionarios da provincia, virán o 100 % dos concesionarios oficiais, o cal nos enche de orgullo e gratitude, porque non é doado.
—Que volume de vendas se manexa na feira?
—Cada ano véndense arredor de 200 unidades na feira, e este ano cremos que será similar. Hai que recordar que a este Salón acoden en cada edición máis de 10.000 visitantes.
—Haberá ofertas ou descontos especiais na feira?
—Si, é un dos principais atractivos do Salón: haberá ofertas de marcas e de concesionarios, que poden chegar nalgúns casos aos 6.000 euros.