Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega asinan un convenio para cofinanciar o proxecto de bioeconomía Saberes do Monte

la voz LUGO

LUGO

Sinatura do acordo entre Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega
Sinatura do acordo entre Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega

Apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia

03 mar 2026 . Actualizado a las 16:14 h.

Caixa Rural Galega vén de asinar un acordo de mecenado coa Fundación Juana de Vega para ser unha das entidades cofinanciadoras do novo proxecto de bioeconomía «Saberes do Monte: Coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo», aprobado pola Fundación Biodiversidad no marco de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). En total, Caixa Rural Galega achegará 56.800€ repartidos en tres anualidades ata finais de 2028 para reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa. En concreto, destinarase a apoiar as actuacións para revisión de instrumentos de xestión forestal e a realización de intervencións no territorio destinadas a apoiar o pastoreo extensivo como ferramenta de conservación e prevención de incendios.

A sinatura do mecenado tivo lugar esta mañá de martes na sede da cooperativa de crédito en Lugo por parte de Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega, e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

A través de Saberes do Monte apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. En concreto, a Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Ancares e O Courel (Lugo) e Serra da Groba (Pontevedra). Case 22.000 hectáreas que abarcan os municipios do Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira de Muñiz, Cervantes e Folgoso do Courel (Lugo), Oia e O Rosal (Pontevedra).

En que consiste o proxecto

O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde destas zonas de Galicia e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais. Ademais, consolidarase a marca colectiva Saberes do Monte para valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da actividade de gandería extensiva, apicultura e ecoturismo. Outros eixos estratéxicos do proxecto serán o impulso ao emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación e o reforzo da gobernanza participativa, promovendo unha maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións.

A finais de 2028, o proxecto aspira a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático.

O consorcio de Saberes do Monte está liderado pola Fundación Juana de Vega e integra un equipo multidisciplinar conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). A alianza combina coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais, garantindo unha abordaxe integral que conecta investigación aplicada, gobernanza participativa e intervención práctica no territorio.

A Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega é unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa para promover o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia a través de catro áreas estratéxicas de actuación. Como axente independente da sociedade civil, actúa como nexo de unión entre persoas, sectores produtivos e institucións, impulsando a investigación, a formación, a divulgación e a transferencia de coñecemento co obxectivo de contribuír a un rural produtivo, innovador, sostible, identitario e habitado, capaz de facer fronte ao reto demográfico, á remuda xeracional, á mellora da ordenación do territorio e aos desafíos do cambio climático.

Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega é unha entidade financeira con forma xurídica de cooperativa de crédito con sede en Lugo. Conta a día de hoxe con 48 oficinas repartidas pola xeografía galega e con máis de 180 empregados. A entidade destaca polo seu compromiso con Galicia así como especialmente polo desenvolvemento do medio rural. A achega económica para Saberes do Monte provén do Fondo de Educación e Promoción que ten por obxecto, entre outros, promoción social, cultural, profesional e asistencial do ámbito local ou da comunidade en xeral, así como a mellora do hábitat e a protección ambiental.