Saudiña, e cante o merlo

LUGO

17 feb 2026 . Actualizado a las 18:41 h.

Esta semana deixounos Xesús Alonso Montero. O mestre. O polígrafo. O orador. O académico. Profesor —durante uns anos decisivos— no instituto Lucus Augusti. E tamén pai, avó, amigo. Marchou entre rosas vermellas, nunha data na que non eran doadas de atopar, porque era o día dos namorados. Cos acordes da Internacional erguéndose no aire. Con versos na boca. Con poesía. No acto cívico de despedida, a súa filla, Sara Alonso Pimentel, puxo o foco na etapa de Lugo. Evocou, emocionada, ese feixe de anos decisivos na vida do seu pai, na dela e na da cidade. Proxectáronse retallos dunha vida con Lugo ao fondo: Xesús cos seus tres fillos na muralla; imaxes de familia nas que viamos medrar os nenos a carón do pai que conservaba na ollada esa enerxía que o acompañou case ata o último alento. Eu fun alumna do Lucus Augusti cando xa non era profesor. A súa presenza chegoume sobre todo pola evocación de Amable Veiga, profesor de latín e amigo, que nos falaba del, de don

Xesús, nas facetas académicas e nas humanas. Máis tarde fun alumna súa nun curso de doutoramento sobre as traducións de Horacio en Galicia: o luxo de dúas alumnas gozando do seu maxisterio. Ensinounos máis ca as traducións; falounos dunha lingua facéndose, do modelo lingüístico, de como todo iso se dirimía tamén na tradución. Cando ese mesmo ano opositei e desenvolvín o tema das fontes e orixes da literatura occidental —a Biblia e os clásicos grecolatinos—, o que aprendera con el estivo tamén alí presente.

Foise como esas figuras da cultura galega que se nos antollan eternas a forza de vitalidade, coma se a enerxía fose tamén unha forma de resistencia. Coma Otero. Coma Del Riego. O que tal non falarán se teñen ocasión! Que sigan discutindo o país, a lingua, os versos. Nós ficamos aquí, un pouco máis sós. Saudiña, e cante o merlo.