A enxurrada de borrascas que estamos a sufrir está a deixar un impacto territorial e económico evidente: peche de actividades ao aire libre, suspensión puntual de clases en determinadas zonas, afeccións nas colleitas. Aínda que a provincia de Lugo non recibiu un azoute comparable ao das provincias de Pontevedra e A Coruña, na nosa cidade este mes de chuvia e sarabia deixounos unha afectación moi concreta que debe preocuparnos e ocuparnos: o derrubamento producido no monumento máis relevante e significativo, a nosa muralla.
Alá polo ano 1853 houbo tamén un episodio de chuvias intensas e sostidas que, no contexto da época —no que a dependencia do subministro próximo para o abastecemento alimentario era total—, provocou o que se deu en chamar o ano da fame. Daquela crise deixounos unha fermosísima crónica Manuel Murguía no último capítulo de Los precursores, o titulado Ignotus. Ao ano seguinte, en 1854, sucedéronse episodios de peste: cólera e tifus. Cen setenta e tres anos máis tarde mudaron moitas cousas. O impacto nas colleitas afectará aos nosos produtores, mais non nos sumirá na fame como aconteceu daquela. Con todo, cómpre ter en conta que o escenario actual pode repetirse e mesmo prolongarse, froito dunha elevación das temperaturas do océano que previsiblemente incrementará a frecuencia das borrascas e a intensidade dos fenómenos meteorolóxicos vencellados ás precipitacións extremas.
Cómpre planificar e prepararse. E iso, na nosa cidade, implica un compromiso co noso patrimonio máis valioso: analizar o estado da muralla, deseñar un plan de conservación e de protección fronte a episodios como os vividos neste inverno, arrodeala como fixemos no cambio de milenio, termar entre todos das pedras que a conforman e achegar os recursos que sexan precisos para garantir, tamén para o noso patrimonio material, mil invernos máis.