Espanto

Xulio Xiz

LUGO

02 feb 2026 . Actualizado a las 14:23 h.

a actualidade tense endurecido a linguaxe policial e todas as actividades delictivas cualifícanse de criminais, aínda as económicas, cando os temas criminais estimábanse reducidos aos relacionados coas persoas, con danos mortais ou morais; violacións e pederastia. O noso ser de humanos ten moi claro o que responde á denominación de «crime», con ou sen sangue.

O venres, revolvéuseme o estómago, alterándoseme órganos que non tiña conciencia de que existisen, ao ler que unha nena lucense foi prostituída pola súa nai durante dous anos, e o home que a violaba queixábase de que a nena chorase. Aínda agora ao escribilo, de xeito involuntario o meu estómago contráese sen ser quen de controlalo, porque a mesma natureza rexeita comprender algo así.

Xa que a xustiza atende razóns que o estómago non entende, os acusados van librar con algo menos de catro anos de prisión e unha indemnización, porque o mal xa está feito, a vida segue e hai que mirar para adiante.

Poderíamos pensar que habería que facer un escarmento que disuadise de cometer estes crimes, pero á vez hai que razoar que quen comete accións así non ten remedio posible, bótase fora da sociedade, e renega do xénero humano.

Non poido rematar seguindo consellos estomacais, e o cerebro pídeme calma. E se no mundo civilizado a vida humana é intocable, aínda que quen comete determinadas accións colócase nun nivel subhumano, a razón —o sentidiño— ten que impoñerse, e coidar que estas excepcións de subhumanidade non veñen máis que confirmar a regra xeral. Aínda que nos produzan un irrefreable espanto.