Os Premios Mestre Mateo achéganse ao público con proxeccións gratuítas e encontros en Lugo e un premio dos espectadores

La Voz LUGO

LUGO

A presentación do programa previo á gala dos premios presentouse este mércores en Lugo.
A presentación do programa previo á gala dos premios presentouse este mércores en Lugo.

A cidadanía poderá asistir o 3 de febreiro á lectura de finalistas, a cargo do comunicador Juan Fuentes e da actriz Andrea Fernández, e sortearase unha entrada á gala entre os que asistan aos coloquios sobre os filmes

28 ene 2026 . Actualizado a las 22:46 h.

Unha das grandes expectativas da vixésimo cuarta edición dos Mestre Mateo, que se celebrarán o vindeiro 21 de marzo por primeira vez en Lugo, é conseguir achegar máis que nunca os premios ao público. Por iso, dende a Academia Galega do Audiovisual despregan unha programación de actividades previa durante os meses de febreiro e marzo dirixida a que a cidadanía tome parte na festa do audiovisual galego e fomentar a súa participación activa. A presentación do programa, que inclúe proxeccións gratuítas, sesións cos protagonistas dos filmes e como novidade unha lectura aberta de finalistas, tivo lugar este mércores na cidade amurallada.

Un dos momentos máis esperados será a lectura dos finalistas, que terá lugar o vindeiro 3 de febreiro desde O Vello Cárcere. Por primeira vez, o público poderá asistir á xornada, que correrá a cargo da actriz Andrea Fernández, finalista a un Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme As Neves e o comunicador Juan Fuentes, coñecido por presentar o programa Quen anda aí? e gañador do premio a Mellor Comunicador. Os nomes dos finalistas desta convocatoria dos galardóns serán desvelados durante o transcurso da cita e está previsto que acudan ao evento.

Ademais, nas vindeiras semanas os lucenses poderán asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións serán gratuítas, de acceso libre ata completar aforo e celebraranse os días martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como os días martes 3 e mércores 4 de marzo ás 19.00 horas. A guionista Clara Coira moderará os coloquios cos equipos dos filmes.

As persoas que asistan a estas sesións poderán participar na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, coa que recibirán un agasallo oficial e unha entrada de acceso ao espectáculo especial para seguir a gala do 21 de marzo. Ademais de desfrutar en pantalla grande as obras finalistas, o público tamén poderá coñecer de primeira man secretos e aspectos ocultos da gala da man dos seus protagonistas a través de distintos encontros. O 20 de febreiro, no salón de actos da Deputación de Lugo, os responsables de organización e prensa da gala falarán dos aspectos máis descoñecidos e interesantes da organización interna do evento nunha charla titulada Detrás dos Premios Mestre Mateo.

Premio Especial do Público

Nesta liña, o 5 de marzo no Vello Cárcere organizarase un encontro cos presentadores da gala e co Premio de Honra, tamén de acceso libre. Esta xuntanza estará conducida e moderado por Pepe Capelán, presentador do programa Pensando en ti da Radio Galega. Co obxectivo de implicar á audiencia no transcurso dos premios e reforzar o vínculo do audiovisual galego cos seus espectadores, por primeira vez na gala o público terá a oportunidade de votar pola súa película favorita de entre todas as finalistas. A longametraxe gañadora deste premio darase a coñecer xunto cos premios especiais á promoción da lingua e ao fomento da sostibilidade, na tradicional Xuntanza de Finalistas previa aos premios, que será o 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). 

A gala desta nova edición dos Mestre Mateo será en marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, que será o epicentro do audiovisual galego. Asistirán un total de 900 persoas e a gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional, nunha celebración que reunirá ao mellor do audiovisual galego do último ano.

Photocall para os espectadores

Este ano, como novidade, a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir a gala desde un dos escenarios do auditorio. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán e o público asistente tamén será protagonista, pois poderá inmortalizar o momento nun photocall exclusivo e vivir de preto a experiencia.

Todas as actividades organizadas pola Academia incluidas na programación dos XXIV Premios Mestre Mateo son de acceso gratuíto ata completar capacidade. Para asegurar praza, os interesados poden escribir un correo electrónico ao enderezo actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal ou chamar por teléfono ao 633 24 56 39, indicando a actividade ou actividades ás que desexan asistir.

«Os Mestre Mateo non son flor dun día»

Na presentación do programa de actividades participaron Lucía Veiga, presidenta da Academia; Carmen Méndez, vicepresidenta; Efrén Castro Caloto, vicepresidente da Deputación de Lugo; Iria Castro Fernández, deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística; Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. 

A deputada Iria Castrou incidiu durante a rolda de prensa que nas conversas que mantiveron coa Academia resaltaron a importancia de definir «unha programación que implique á cidadanía na gala, que manteña Lugo como lugar de referencia e celebración do audiovisual galego durante estes meses e divulgue a importancia dun sector audiovisual forte, que canalice o talento creativo e que proxecte a nosa lingua e a nosa cultura». E agradeceu «a disposición da Academia para consensuar espazos e actividades e mostrar que os Mestre Mateo non son flor dun día, senón que hai detrás unha cidade e unha provincia que pulan polo audiovisual».