Xermolos cumpre medio século mirando cara ao futuro desde a Terra Chá: «A cultura é necesaria; axuda a sementar paz e igualdade»
LUGO
A asociación de Guitiriz organiza este mes dous actos de homenaxe á olería de Bonxe: «Traballamos por dar a coñecer e recuperar as artes chairegas»
21 ene 2026 . Actualizado a las 13:13 h.«Traballamos por dar a coñecer e recuperar as artes da Terra Chá», expón Alfonso Blanco, coordinador da Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz. Con esta premisa organizan este mes dous actos de homenaxe á olería de Bonxe, personificándoa, principalmente, na cacharreira Pepa Lombao. «Facemos varios eventos en Vilalba, ao pé do río Magdalena, no Paseo dos Soños, e cada ano dedicamos un fito artístico a un creador. Este ano dedicámolo a Pepita. É unha lembranza para ela, pero tamén para seu pai, Indalecio, e para a veciñanza de Bonxe», continúa Alfonso Blanco.
O primeiro acto terá lugar este sábado, día 24, ás 19.00 horas, no Museo de Bonxe, coa presentación do libro Formas, figuras e sombras na Terra Chá, de Mero Iglesias. «É un libro no que Mero traballou durante moitos anos e que parte de conversas con Indalecio e con Pepa, ademais de facer unha historia da olería de Bonxe», comenta o coordinador de Xermolos.
Monumento e debate
En canto ao sábado 31, haberá unha homenaxe a Pepita de Bonxe ás 12.00 horas no Muíño do Rañego, en Vilalba. Contarán cunha táboa redonda sobre a olería de Bonxe e inaugurarase un monumento deseñado e labrado por Sonia Ferreiro e Marcos Ladra, cun percorrido polo Paseo dos Soños. Rematarase cun xantar, para o que é preciso anotarse previamente no teléfono 646 413 890.
Nestes actos participarán varias persoas relacionadas coa olería, como Claudia Rodríguez, que está tomando a testemuña da olería de Bonxe trala retirada de Pepa: «Claudia ten a ilusión de manter viva esta olería e está ao pé de Pepita aprendendo. Continúa na liña do seu pai, Andrés Rodríguez, que participará igualmente. Tamén Luís Miguel López está entusiasmado coa olería de Bonxe», aclara o coordinador de Xermolos. Ademais, participará Xaneco Tubío, lutier de Outeiro de Rei e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, pola súa dobre vinculación coa artesanía e coa música: «Hai que lembrar que Indalecio tamén era músico, e en Bonxe había tradición, mesmo tivo a súa propia banda de música». Raúl Gallego, Eva Teixeiro, Orlando Vivero ou Xulio Xiz como moderador serán outras das persoas que participarán nestas homenaxes.
Almanaque dos 50 anos
Por outra banda, aproveitando que Xermolos cumpre 50 anos neste 2026, acaban de sacar un almanaque conmemorativo que recolle eventos destas cinco décadas. Conta con obras de creadores como María Guerrero, de Vilalba; Xan Amil, de Guitiriz; os fotógrafos Raúl Río e Foto Suso, María Canosa... «Son homes e mulleres que ao longo destes anos nos foron acompañando coa súa arte ilustrando distintos eventos», sinalou o presidente de Xermolos.
«Queremos seguir mirando cara adiante e seguir soñando con novas xeiras»
A Asociación Cultural Xermolos leva medio século espallando cultura desde e cara ao rural. En outubro deste 2026 cumpren eses 50 anos: «Son moitos anos que merecen ser lembrados. Queremos seguir mirando cara adiante e seguir soñando novas xeiras», explica Alfonso Blanco, cargado de motivación: «Cremos que a cultura é necesaria; axuda a sementar paz e igualdade na veciñanza», continúa.
O balance deste medio século de vida é moi positivo porque «Xermolos canalizou o esforzo e a creatividade de voluntarios». Como exemplo, Blanco alude ao Festival de Pardiñas, alcumado a Feira e Festa da Música e da Arte. Tamén hai certames, a colaboración na Cabalgata de Reis e no Entroido, ou o Paseo dos Soños, que comezou con Manuel María e Paco Martín e que busca lembrar a mulleres e homes da Terra Chá: «É un xeito moi fermoso de acompañar a música do río Madalena e de todas as criaturas que por alí nos acompañan. Os seres humanos tamén temos moito que ofrecer».