Lucía Pérez lanza nova canción: «Quero celebrar un triplo aniversario: os meus 40 anos, os 20 de carreira e os 15 de Eurovisión»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Lucía Pérez lanzará a súa nova canción, «Porque no», con raíces mexicanas, o 29 de xaneiro
Lucía Pérez lanzará a súa nova canción, «Porque no», con raíces mexicanas, o 29 de xaneiro CEDIDA

A artista do Incio publicará «Porque no» a finais deste mes, mesturando as raíces mexicanas cun estilo arriscado

10 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de vinte anos de traxectoria profesional no eido da música, numerosos premios, sete discos editados, o seu paso por Eurovisión e, sobre todo, o cariño dun público incondicional son a mellor tarxeta de presentación de Lucía Pérez (Goó, O Incio, 1985), que continúa imparable. O próximo día 29 publicará un novo single, Porque no, toda unha declaración de intencións dunha muller sen filtros, que non pide permiso, que se planta e que se elixe.

—Como se presenta o ano?

—O ano comezámolo cunha canción que se chama Porque no, coa que vou celebrar un triplo aniversario. Por un lado, os 40 anos que teño, unha época redonda e entrando xa na madurez, pero na que me sinto con moita seguridade e con moitas ganas. Logo tamén celebramos os máis de vinte anos de carreira. E tamén son os 15 anos de Eurovisión. Entón xúntase aí un triplo aniversario. Había que celebralo polo alto e naceu esta canción que eu creo que sorprenderá ao público, no que dou un pasiño máis, mesturando as raíces mexicanas, pero cun punto máis arriscado, así que alá que imos con todas as ganas.

—Haberá novo disco?

—Hoxe en día falar de disco parece que queda un pouco obsoleto. Pero si que quero agrupar todos os últimos singles que levamos feito nun disco. Pero non sei se faremos unha edición especial, porque ao final os discos agora, lamentablemente, quedan case como obxectos de colección, a música consúmese doutro xeito. Pero si que me gustaría agrupar todas estas últimas cancións, porque ao final levamos unhas nove pezas.

—Onde están sendo as gravacións?

—Estes singles gravámolos aquí, con producións entre Madrid, A Palleira... e cun foco posto en Portugal, que foi onde se me abriron as portas cando fixen a colaboración co cantante Zé Amaro, e é algo moi atractivo que queremos seguir alimentando, e é moi ilusionante.

—Estreitando lazos con Portugal, pero tamén con América, verdade?

—Exactamente. De feito, cerramos o ano cun concerto moi especial que foi en Santiago de Chile, a onde fun con toda a miña banda, cantando para toda a diáspora galega e chilena, e a verdade é que foi tamén un concerto moi bonito.

—Conta cun público moi fiel en América...

—Si, porque ademais en Chile xuntábase tamén aquela participación miña no festival de Viña del Mar, onde estivera dúas veces representando a España. E a pesar dos anos que xa pasaron hai moito público polas redes de Chile que aínda me sigue.

—Cales son os próximos concertos?

—Pois comezamos cara Portugal, o 7 de febreiro, cerca de Braga, de novo dando un salto máis, cun show en directo no que vou acompañada por sete músicos, por unha rapaza que fai danza... Así que este ano a posta en escena vai ser un paso máis, estamos preparando algo bonito e estamos con moitas ganas.

—Como foi a acollida dos últimos singles do 2025?

—Por un lado, está o Cabaliño de Lugo, que foi unha colaboración con G Face, que á xente lle encanta e é moi bonito. Foron cancións encamiñadas a un momento determinado. O Cabaliño de Lugo era unha canción fresca, máis cachonda para o verán e para o público máis novo. E o anterior, que foi Tanto, tivo unha moi boa acollida, a reacción do meu público, da xente que me sigue e se embarca tamén dalgunha maneira na miña carreira estalle gustando.

—E cando volveremos a ver a Lucía Pérez en concerto por Galicia?

—Pois este mes sae o novo single e en febreiro estaremos de promoción por dentro e fóra de Galicia. E faremos concertos por aquí tamén, algún haberá por aquí pola contorna.