10 edicións da foliada da Fonsagrada

María López Sández
María L. Sández LUGO / LA VOZ

LUGO

02 dic 2025 . Actualizado a las 19:49 h.

Toda tradición, mesmo aquelas que hoxe sentimos fondamente enraizadas, comezou nalgún intre. Hai uns meses o Círculo das Artes de Lugo acolleu unhas xornadas tituladas A invención da tradición, nas que se analizaba a historia breve pero intensísima de celebracións como o Arde Lucus, que en poucos anos acadou tal grao de participación que xa merece figurar como estudo de caso. Polo mesmo camiño semella ir a Foliada da Fonsagrada, que a vindeira fin de semana celebrará a súa décima edición.

A presenza de grupos clave da música tradicional galega e, sobre todo, a participación masiva da mocidade, ateigan a vila e os arredores. A ocupación está completa desde hai días e desde Lugo é posible achegarse nunha hora. Quen aínda non asistise descubrirá unha celebración atípica: xente bailando espontaneamente nas rúas, coches que esperan a que remate a baila, música que sae de cada recuncho e non só da carpa dos concertos oficiais, un reverter do devalar poboacional que noutros momentos se deixa sentir neste noso concello, o máis grande de Galicia.

Cando eu era nena semellaba que a música e as festas tradicionais esmorecían, que romarías e feiras cedían paso a novas formas de socialización e de ocio. Pero a historia non é lineal nin predicible. Este rexurdir ten múltiples arestas: grupos de grande calidade que apostan pola creación en galego en diálogo coa tradición (Caamaño e Ameixeiras, De Ninghures, Grande Amore, Mondra, A Banda da Loba, Baiuca, Os Melidaos, Xián Pais… a listaxe sería interminable); e un tecido asociativo vivo en cada vila arredor do canto e do baile. Este vitalismo nótase tamén nas últimas edicións do San Froilán, mais esta fin de semana o epicentro desprazarase ao oriente da provincia, a unha Fonsagrada que volverá vibrar coa música e o repicar dos pés nas rúas.