2700 emocións nunha mesma voz

LUGO

10 jun 2025 . Actualizado a las 18:04 h.

2700 persoas acudiron esta semana a ver e escoitar a Fuxan os Ventos no auditorio que leva o seu nome. Para moitas delas, foi a primeira vez que visitaban este espazo cultural da cidade e unha ocasión de entrañable reencontro cun grupo que deixou unha pegada fonda e duradeira na memoria e nos afectos da cidade e das súas xentes.

A vontade clara do grupo foi agradecer o xesto da cidadanía de Lugo, que arroupou esa decisión de que o auditorio levase o seu nome, e asemade establecer un elo entre eles e o presente e o futuro da música galega. Arrincaron Faia e De Ninghures, nunha emocionante apertura, para logo pechar Fuxan. O conxunto do espectáculo estivo deseñado para eses obxectivos: entrelazar tempos e voces, conectar xeracións, render tributo tamén ás que xa non están (tamén se puido oír a voz de Moncho).

Entre as 900 persoas que asistimos ao espectáculo do xoves podía sentirse e mesmo palparse a emoción compartida. Esa mesma mañá, escoitara eu na Radio Galega falar a Teresa e mais a Carmen, e algo anticiparan. Sabía que cantarían Meu amor é mariñeiro, tamén un anaco da canción que deu nome ao grupo; mais cando chegou o intre do bis eu tiña claro cal faltaba, cal quixeran gardar para o final. Non podía ser outra máis ca Sementar sementarei. Porque o concerto, coma Fuxan sempre, estivo cheo de compromiso, dignidade e reivindicación.

Oíuse o berro de Altri non! e tamén o clamor pola causa palestina. E non podía faltar a defensa da lingua. Nestes tempos nos que comezamos a tomar conciencia de a cantos meniños e meniñas galegos xa se lles furtou a lingua propia, escoitar esta canción de Fuxan estremece. Así pasou estes días a 2700 persoas, que saíron do auditorio cun nó na gorxa e a certeza de que sementar aínda paga a pena.