Os vindeiros 5 e 8 de xuño, os lucenses teremos a fortuna de asistir a dous concertos de Fuxan os Ventos. Seguro que saberán a pouco. A pegada que este grupo deixou entre nós reflíctese na votación popular que fixo do seu nome o escollido para o novo auditorio e tamén no impacto da exposición que acolleu o Vello Cárcere, e que resoou en toda Galicia.
Coñecemos ben ese fenómeno polo cal un grupo musical, hai tempo afastado dos escenarios, anuncia un concerto ou a súa derradeira actuación. Moitas veces agóchase aí unha estratexia comercial. Pero este non é o caso. Fuxan os Ventos nunca procurou o beneficio económico por riba do compromiso e da identidade. De feito, percíbese certa reticencia neste retorno que tantas veces se lles pediu, cando menos desde a inauguración do Auditorio Fuxan os Ventos.
Ese auditorio permitirá que a memoria deste grupo senlleiro, que o tempo situará no lugar que merece na nosa historia cultural, quede inscrita no noso espazo urbano. Os concertos de xuño servirán para prolongar esa lembranza na experiencia dos que xa os coñecemos, e —oxalá— tamén na das novas xeracións. Dos meniños e meniñas daqueles que, segundo dicía o grupo, mentres un deles medrase, sementarían o viño.
Boa falta nos fai unha sementeira de palabras. E que mellor que acompañadas de música, neste ano no que celebramos as cantareiras. Eles traerannos, unha vez máis, palabras-música; palabras-historia.