Este varón postólico amou a Deus sobre todas as cousas, e ás persoas como a si mesmo, ou máis. E amou á Igrexa, entregándolle a súa longa, intensa, vida. Estudiou Humanidades, e desbordaba humanidade. Profundou na Filosofía e en Teoloxía e Ciencias Bìblicas, pero sobre todo rebosaba vitalidade, contaxiaba sorrisos, era imposible non ser seu amigo. Era un sabio que tanto desempeñou altas responsabilidades no bispado de Mondoñedo-Ferrol como servíu parroquias que o necesitaban, dando exemplo de humildade. Foi profesor do Seminario, Delegado de Cáritas e Administrador diocesán. Avó dos cregos, chamoulle o Papa Francisco.
Grazas ao seo amor pola terra e polas xentes, garantíu a continuidade do Belén de Begonte nos anos oitenta, e logo a da Polifónica de Vilalba cando veu á miña vila como párroco, e aceptou dirixir con especial interese, totalmente desinteresado, a histórica agrupación, Amaba a música. Eu coñecíno hai xa máis de medio século como Director do Orfeón de Mondoñedo. Quíxeno e quíxome. En Vilalba fíxose amar por todos os membros da Polifónica, e por todos os veciños. Amaba a poesía, e foi premiado no Certame de Vilalba. E para as celebracións de Santa Cilia preparaba poemas fermosos que todos cantabamos con fruición. E coa inocencia e ledicia dun neno abría os agasallos que os cantores vilalbeses lle ofrendaban. Amaba escoitar. Amaba atender. Amaba sorrir.
Unha web garda a súa memoria: https://uxiogarciaamor.org/gl Son sete os varóns apostólicos que lembra a historia. Para min, desde agorsa son oito: Torcuato, Tesifonte, Indalecio, Segundo, Eufrasio, Cecilio, Isicio e Uxío. Era un home que facía honra ao seu apelido.