Fuxan os Ventos ofrecerá dous concertos no auditorio de Lugo que leva o seu nome: os días 5 e 8 de xuño

LUGO

As entradas custarán 10 euros e sairán á venda o vindeiro venres 9 de maio. O grupo lucense estará acompañado por Faia Díaz e De Ninghures
05 may 2025 . Actualizado a las 17:31 h.O grupo Fuxan os Ventos ofrecerá dous concertos no auditorio de Lugo que leva o seu nome, os días 5 e 8 de xuño, ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente. Trátase de dúas actuacións moi esperadas e que o grupo ofrece como agradecemento ao pobo lucense por apoiar o nome do grupo para bautizar o novo centro cultural da cidade.
As entradas para poder asistir a este dous concertos sairán á venda este venres 9 de maio, a partires das catro da tarde e terán un prezo único de 10 euros por persoa e actuación. Poderanse conseguir ou ben a través da web entradaslugo.com ou achegándose á Oficina de Turismo, na Praza do Campo.
Os concertos foron presentados este luns polo tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e pola edila de Cultura, Maite Ferreiro, así como por unha representación do grupo. «Desde que se soubo que ía a haber estos concertos, a expectación foi enorme e será un dos eventos do ano en Lugo», sinalou Arroxo, quen ademais explicou que «era algo que sempre quedou para unha xeración enteira, a de vervos actuar e escoitar, e máis agora que temos esta instalación, polo que é un luxo velos actuar».
Pola súa parte, Ferreiro dixo que era un «día moi emocioante a nivel persoal, e que para o pobo de Lugo, Fuxan os Ventos marcou un fito, é historia, o que quedou reflectido cando os lucenses o elixiron para darlle nome ao auditorio». A edila cualificou de regalo os concertos: «Son un agasallo que fan ao pobo de Lugo, e hai que lembrar que para eles non foi doado deixar a súa actividade diaria, e volver a ensaiar e traballar para estes concertos».
O repertorio e grupos invitados
Os membros do grupo, son oito, tralo falecemento hai dous anos de Moncho, sinalaron na rolda de prensa de presentación que estaban encantados e agradcecidos «á xente da nosa cidade e da nosa provincia», e lembraron o seu inicio, en novembro de 1971 no Colexio Menor: «Nunca soñamos poder chegar a que se houbese un auditorio co noso nome, é o cumio do recoñecemento do noso traballo e ao recoñecemento da música popular».

Nas actuacións dos días 5 e 8 de xuño os oito membros de Fuxan os Ventos ofrecerán un repertorio que recolle todas as súas etapas musicais, e prevén interpretar uns 14 temas. Estarán acompañados por novas xeracións da música popular galega, como Faia Díaz, filla de Moncho e Tareixa, e De Ninghures, banda onde tocan Manu, fillo de Pedro o gaiteiro de Fuxan, e Aldara. «Son novas mostras de facer música en Galicia, pero baseadas na música tradicional, e que nos acompañarán nos concertos».