Rubén Arroxo: «Paula Alvarellos, máis aló da súa valía política, era unha persoa que valía un mundo e que deixaba unha marca persoal»

Raquel González Salgueiro LUGO / LA VOZ

LUGO

Arroxo con Alvarellos o día 25 de xuño do 2024, cando anunciaron que Lugo superaba os 100.000 habitantes
Arroxo con Alvarellos o día 25 de xuño do 2024, cando anunciaron que Lugo superaba os 100.000 habitantes LAURA CAMPOS

O tenente de Alcalde e agora rexidor en funcións, do BNG, destaca a excelente sintonía que tiña coa alcaldesa e recorda os esforzos persoais que tivo que asumir Alvarellos no 2024 para conseguir cadrar as contas municipais e volver a relanzar no 2025 os proxectos

03 mar 2025 . Actualizado a las 19:00 h.

Trala morte da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, o tenente de Alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, realiza as tarefas de alcalde en funcións ata que non se convoque o pleno da corporación que volverá a elixir a un novo rexedor, que según o pacto entre PSOE e BNG seguirá sendo socialista. Arroxo explica nunha entrevista en RadioVoz, no programa Voces de Lugo, de Raquel González Salgueiro, como era Paula Alvarellos como política e persoa, e pon en valor que tivo un primeiro ano de mandanto complicado polas circunstancias económicas, pero que estaba xa arranxado e a cidade iba a coller un novo impulso coas inversións previstas.

—Como pode cambiar a vida dun día para outro, verdade?

—Pois si, porque hai uns días estivemos falando de proxectos importantes para a cidade e hoxe temos que falar desta desgraza. A morte de Paula é terribe porque o mesmo venres estivemos reunidos pola mañá, mirando varios asuntos previstos para sacar adiante estes días, e logo, unhas horas despois, pasou o que pasou. Estamos moi impactados, bastante afectados, porque son unhas circunstancias que nunca te esperas que vaian a pasar. Este días, ás persoas que viñeron polo Concello para asinar no libro de condolencias, xa lles comentaba que máis aló da súa valía política, que era moita, sobre todo era a persoa. Neste ano que tiven máis contacto con ela no Concello e a puiden coñecer mellor, podo dicir que era unha persoa que valía un mundo, polo que é unha perda irreparable. 

—Mantiveron unha relación moi estreita como socios de goberno? 

—Quero dicir que como socios, neste tempo que estivo de alcaldesa, foi un ano 2024 complicado, porque estivemos coa resaca tardía do covid. Na pandemia, en Lugo, tiñamos aforro, pero afrontamos gastos extras e unha suba de prezos sen subir as ordenanzas fiscais. Pero os gastos seguían disparándose, e o aforro foi diminuíndo, e chegamos ao 2024 nunha situación de desequilibrio económico, polo que foi un ano complexo. Levamos uns anos nos que todos e todas poden ver que a cidade se transformou, e no 2024 estivo un chisco parada por isto. E o 2025 iba a ser o ano para seguir transformando a cidade, e é inxusto que ela, que se tivo que comer o periodo más complexo, agora non poda participar de todos estes proxectos nos que estivo traballo e que se poderán ver a partir deste ano. 

—Supoño que está a ser bonita a resposta a nivel galego e nacional? 

—A unidade que se está a vivir nestes días é absoluta, pero máis aló do politico, pola marca que deixou a nivel persoal Paula. Unha persoa que deixa marca a nivel persoal. Ese aprecio estase a ver, nun apoio multitudinario tremendo. É dificil falar mal dela a nivel persoal e político. Eu puiden vivir en directo todo o esforzo que tivo que asumir e que se deixou a pel. Paula chamábame para todo, e reuníamonos miles de horas.

—Está de alcalde accidental e a primeira medida foi decretar os tres días de loito.

—É o mínimo, e cancelar o Entroido, unha festa que quedará marcada para a historia polo que aconceteu. Compre lembrar que cando ía comezar o pregón, ela estaba sentada ao meu lado, e foi cando se desplomou. Foi tremendo.

—Puido reflexionar estes días sobre o que supón para un político dedicar tantas horas da súa vida? 

—Claro que o pensas, porque aquí estas 24 horas, sete días da semana, incluso de vacacións segues enganchado ao móbil. Vivimos cunha tensión, tentando facer máis do que se pode, porque non podes resolver todo. Estamos por unha decisión propia, pero é evidente que non é sana tanta tensión permanente. Quizais podemos rebaixar o ritmo, pero dicímolo sempre e logo é difícil de facer.