Dende o 5 de decembro a mocidade de toda a provincia gozará do Nadal neste espazo que ofrece prezos reducidos para familias numerosas e un día de apertura en horario de mañá para colexios
30 nov 2024 . Actualizado a las 19:31 h.O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo presenta a 26ª edición de Xuvenlugo, que se celebrará dende o 5 de decembro ata o 4 de xaneiro. Unha vez más, a mocidade de toda a provincia gozará do Nadal nun espazo que conta cunha gran oferta de ocio dirixida a públicos de tódalas idades e que como novidade ofrece prezos reducidos para familias numerosas e un día de apertura en horario de mañá para colexios.
De novo, ofrecen dúas xornadas de portas abertas —13 e o 20 de decembro—, nas que a entrada será de balde. A cita ocupará os dous pavillóns e corredor que os une dentro das instalacións do Pazo e dividirase en diferentes áreas, en función do tipo de actividades e dos grupos de idades aos que van dirixidas. A ludoteca, pensada para nenos e nenas de ata 7 anos, contará con talleres e pasatempos para os máis pequenos como inchables de Mario Bros e o Crocodilo, e unha zona de xogos xigantes, como twister, tres en raia ou xogo da ra.
Os rapaces e rapazas de máis idade poderán participar no circuíto interior de minigolf, a pista de slot, o touro mecánico, os inchables de gran formato, o rocódromo ou as diversas atraccións, moitas delas novas, como o tren da bruxa. A maiores, poñen en marcha dúas xornadas especiais, o 23 de decembro coa visita de Papá Noel e o 4 de xaneiro coa dos Reis. «Por detalles coma este, Xuvenlugo conseguiu ser un evento importante, non só no ámbito do lecer, senón tamén no social», sinala Rubén López, xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, que destaca
No acto de presentación, celebrado Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación Provincial destacou que se trata dunha «iniciativa que amplía as opcións de lecer para os nenos e nenas e que lles dá a oportunidade de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos». Ademais, o día da apertura coincide co acendido das luces de Nadal, polo que Xuvenlugo tamén dará inicio ás festas», engadiu Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
Horarios e prezos
No mes de decembro, o salón poderá visitarse do día 5 ao 8, do 13 ao 15, do 20 ao 23 e do 25 ao 30. Xa en xaneiro, os nenos e nenas gozarán das actividades do día 1 ao 4. O 13 e o 20 de decembro serán xornadas de portas abertas, con acceso de balde para todo o mundo. Ademais, o día 13 o recinto abrirá de 10.30 a 13.30 horas para recibir visitas escolares.
O horario será de 16.30 a 20.30 e hai diferentes prezos: a entrada xenérica custará 9 euros; a de Concellos, Colexios e Asociacións (con reserva anticipada para un mínimo de 15 persoas) terá un importe 7 euros; e o bono para grupos de 10 persoas poderá adquirirse por 80 euros. Todas as atraccións están incluídas, agás o minigolf, a pista de slot, o touro mecánico e o rocódromo.