A Rede Museística Provincial amadriña un directorio de mulleres emigrantes artistas

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación na Deputación de Lugo do catálogo de artistas emigrantes, cun concerto de Batuko Tabanka
Presentación na Deputación de Lugo do catálogo de artistas emigrantes, cun concerto de Batuko Tabanka CEDIDA

Presentaron no Pazo de San Marcos o catálogo, que pretende dar visibilidade a creadoras vinculadas á migración de cara a programadores privados e públicos

10 nov 2024 . Actualizado a las 18:00 h.

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo acolleu a presentación dun directorio de mulleres artistas emigrantes, que pretende dar visibilidade e reclamar a atención de programadores públicos e privados sobre estas creadoras.

O directorio, elaborado no marco do proxecto As mulleres emigrantes nas artes escénicas. Un diálogo entre Cabo Verde e Galiza, desenvolvido polo colectivo investigador Mulleres á fronte que reúne especialistas en migración, xénero e coidados das tres universidades galegas, inclúe 32 iniciativas artísticas femininas —individuais e colectivas— vinculadas a migración, que reflexionan sobre a identidade, o desprazamento e a intersección de culturas desde diferentes disciplinas, fundamentalmente desde o teatro, a danza e a música.

A deputada de Cultura. Iria Castro; o tenente alcalde e concelleiro de Educación, Inmigración e Xuventude de Burela, Mario Pillado; e a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago. acompañaron ás investigadoras e artistas que participaron no acto: Batuko Tabanka —xunto con Marina Vaz, a batukeira máis maior de Cabo Verde, Nilda Borges, Artemisa Semedo (que intervíu desde Cabo Verde), Kirenia Martínez, Miriam Sandoval e Mariana Rodrigo.

Iria Castro e Encarna Lago expuxeron «o compromiso da Rede Museística Provincial para programar actividades e xenerar lazos e espazos de encontro, para visibilizar as creacións artísticas e as manifestacións culturais das comunidades emigrantes, desde unha perspectiva inclusiva e tendo en conta a interseccionalidade das desigualdades, que engade dificultades á proxección das mulleres emigrantes artistas».

Pillado puxo en relevo «a achega da comunidade caboverdiana é incalculable, non se pode concibir o desenvolvemento de Burela sen a súa pegada e unha mostra desa pegada son as batukadeiras de Batuko Tabanka. Por iso é un orgullo e unha honra estar xunto con elas en calquera lugar do mundo».

Presentación na Deputación de Lugo do catálogo de artistas emigrantes
Presentación na Deputación de Lugo do catálogo de artistas emigrantes

A creación do directorio compleméntase co Arquivo digital do Batuku da Ribeira Grande de Santiago, que documenta os grupos de batucadeiras da Ribeira Grande de Santiago, de onde é propia esta manifestación cultural feminina que mestura canto, percusión e danza e de onde procede a maioría da comunidade caboverdiana de Burela.

No marco desta xornada, inaugurouse a exposición «Coidados na Diáspora», promovida polo mesmo colectivo investigador, que reúne fotografías realizadas por mulleres caboverdianas de segunda xeración de Burela, Bem bibre (León) e Zaragoza.

Programan este mes visitas guiadas sobre a violencia contra as mulleres

Por outra banda, a Rede Museística desenvolve este mes o programa de visitas guiadas «Rompe o silencio. Non hai escusa», nas que se amosará a desigualdade e a violencia contra as mulleres como un elemento que se reflicte na representación das mulleres en obras de arte de distintas etapas históricas.

No Museo Provincial, todos os sábados, hai unha visita, ás 11.00 horas, para analizar a lei contra a violencia de xénero mediante pezas museísticas. En San Paio de Narla está a mostra «SoTERRAdas». Os sábados, ás 12.00 e 17.00 horas, poderase descubrir a obra «Delitos carnais», de Luz Darriba, e a lenda de Catarina. Museo do Mar: «Mareas de cambio», loitando pola eliminación da violencia contra as nenas. Os sábados ás 12.00 horas. E o sábado 20, no Pazo de Tor, «Abrazando o bo trato», reflexión sobre a violencia nas mulleres maiores.