Ti tamén, Errejón?

Xulio Xiz LUGO

LUGO

28 oct 2024 . Actualizado a las 18:59 h.

As persoas estamos dotadas dun sentidiño que nos fai distinguir entre o correcto e o incorrecto e entender que a nosa liberdade —dereito máximo, vital— remata cando colisiona coa liberdade de outro. Cando souben da dimisión de Errejón por agredir dereitos dunha ducia de mulleres, viróuseme o sentido, durándome a incredulidade ata repasar páxinas de prensa e explosivos minutos televisivos. Diante dunha denuncia deste tipo, compre que se investigue, que se presenten probas ou testemuñas e se contrasten versións, sendo clarificador se no caso do denunciado chove sobre mollado.

Se algo teñen os novos movementos políticos de esquerda é a ansia de renovación, de marcar diferenzas e exaltar a muller de xeito que o seu plural identificativo sempre é feminino —«nosoutras»— como proba do respecto en todos os ámbitos. Que Errejón, elemento vital de formacións de esquerda, resulte acosador ou algo máis, agrava un comportamento abominable.

No Lugo público coñecémonos todos, e na clase política de Madrid, seguro que todos tamén saben de que pé coxea cada quen. Estraña que un comportamento así non se coñecese, pero aínda que aquí nos coñecemos todos, ninguén foi quen de saber no Concello de Lugo que había unha autoridade con comportamentos impropios (de outro tipo) ata que os investigadores destaparon os feitos.

Non sabemos que repercusións xudiciais vai ter o proceder deste político con cara de neno inocente, pero somos conscientes de que os feitos socavan confianzas, que o dano ocasionado ás vítimas é irreparable, qué é un fito nefasto aínda máis innoble nunha autoridade, e que nos fai temer que todo o irracional poida resultar posible.