Instruír e educar

LUGO

12 sep 2024 . Actualizado a las 11:08 h.

Esta semana divulgouse a nova de que un colexio de Londres vai poñer en marcha este curso un programa piloto para aplicar a Intelixencia Artificial nun grupo duns 20 estudantes de entre 15 e 17 anos. A idea consiste en prescindir do profesorado, substituílo pola IA e complementala cuns titores aos que acudir en caso de xurdiren problemas. Curiosamente, si haberá persoas presentes durante as clases. Para «garantir a disciplina».

Entre as razóns que se esgrimen como xustificante, apélase ao contexto de «escaseza de docentes no Reino Unido». Semella que teñen excedente de vixiantes de seguridade. Unicamente en educación artística e sexual haberá docentes humanos. Para o demais, deféndese a superioridade da IA, poñendo, precisamente, o foco na «personalización» —alguén debería ter visto a ironía da cuestión—, a adaptación ás necesidades e o ritmo de cada estudante, que supoñemos estará illado tamén dos demais compañeiros, sumido/a nos seus lentes de realidade aumentada. Así, a atención individualizada fica garantida.

Eu propoño complementar o plan piloto con outro grupo de 20 bebés atendidos enteiramente por IA. Poden instalar, nunha incubadora, un subministrador de leite (xa a IA se ocuparía de en que cantidades e en que ritmos subministralo), que produza unha ampla gama de sons (por aquilo da fase de balbuceo e o desenvolvemento da linguaxe), porque estamos nun contexto de difícil conciliación, xa se sabe, e o importante é o importante. Así, mentres imos facer os poucos e ingratos traballos que quedarán (ser asistentes das IA, por exemplo, vixiando que os alumnos non protagonicen a rebelión contra as máquinas), poderemos deixar de facer a ingrata tarefa da crianza. Hai detractores, claro. Di Chris McGovern que unha cousa é instruír e outra educar. Ábrese un tempo de paradoxos e contradicións, de termos próximos e diferentes. Saber e pensar. Existir e vivir. Urxe unha nova forma de resistencia.