O PP de Lugo fixa as súas prioridades para este curso político: infraestruturas, industria e servizos propios

La Voz LUGO

LUGO

O encontro estivo coordinado por Elena Candia
O encontro estivo coordinado por Elena Candia CEDIDA

Os coordinadores do partido, liderados por Elena Candia, reuníronse para poñer en común as súas estratexias nas diferentes administracións

07 sep 2024 . Actualizado a las 18:16 h.

O Partido Popular de Lugo celebrou unha reunión de traballo para analizar o inicio do curso político e planificar novas accións. A xuntanza estivo presidida por Elena Candia e contou coa participación de Javier Vázquez Nodal, secretario xeral, e José Manuel Balseiro, coordinador xeral, entre outros representantes comarcais.

Os populares afearon as políticas do Goberno central, destacando que «continuaremos defendendo a igualdade entre os españois» e esixindo «un trato igualitario para Galicia e para a provincia de Lugo». Reclamaron, ademais, melloras nas infraestruturas, sinalando que o Goberno de Sánchez «nega as estradas nacionais seguras e os servizos ferroviarios propios do século XXI» que a provincia merece.

O PP tamén criticou a falta de apoio á industria lucense, subliñando a situación da planta de Alcoa, á que o Executivo «non proporciona un marco eléctrico competitivo». Ademais, pedirán que se eliminen os impostos aos residuos para evitar que Sogama teña que repercutilos nos Concellos.

O partido comprométese a «seguir escoitando á cidadanía» e a coordinar as súas accións a nivel institucional. O sábado 21 de setembro celebrarán unha reunión interparlamentaria para organizar o traballo dos seus representantes en diferentes cámaras.