Árbores caídas

Xulio Xiz

LUGO

02 sep 2024 . Actualizado a las 18:31 h.

Se o refraneiro afirma que da árbore caída calquera fai leña, é lóxico atopar paralelismo entre a vella árbore que a morte ronda coa do ser humano que despois dunha madurez triunfante afronta o ocaso en soidade, e entre os depredadores da madeira e os que vilipendian ao que deixou de ser importante. As Caixas galegas foron entidades estimadas e poderosas, e os seus reitores chegaron a posuír poder recoñecido por todos, superior aos cargos políticos que formaban parte do coro de interesados na súa amizade.

O que Caixa Ourense dicía en Ourense; Caixa Vigo en Vigo, e Caixa Galicia en A Coruña e Lugo, era tido en conta. E a vox populi afirmaba que en Vigo non se movía unha palla sen que Julio Fernández Gayoso non dese o seu placet, do mesmo xeito que A Coruña se rendía a José Luis Méndez, e cando viña por Lugo era noticia en todos os medios e concitaba presenza de notables.

«Pasou o que pasou», como un moderno diluvio universal, caeron estrepitosamente aquelas caixas, as súas cabezas visibles procuraron xubilación áurea e pasaron a un ostracismo comparable coa situación das árbores orgullosas arrancadas por un furacán.

Méndez veuse na precisión de renunciar hai xa máis dunha década ao título de Fillo Predilecto da cidade de A Coruña, e agora o Consello de Ministros ven de retirarlle a Medalla do Mérito ao Traballo a Fernández Gayoso. Poden ter organizado un económico futuro perfecto, pero perderon a aura, a influencia, a amizade, o respecto. Se as institucións non andasen detrás deles cando triunfaban, non tiñan porque facer agora leña de árbores caídas, xoguetes rotos; millonarios pobres de solemnidade.