Rubén Pérez, dramaturgo: «O máis emotivo e doroso para un galego é a emigración»

Iria D. Pombo / M.G. LUGO / LA VOZ

LUGO

Imaxe de «Habitar un pájaro (o la metamorfosis del Sr. López)», a obra coproducida entre Lugo e Bos Aires
Imaxe de «Habitar un pájaro (o la metamorfosis del Sr. López)», a obra coproducida entre Lugo e Bos Aires Cedida

A compañía teatral lucense Señor López Producións vén de gañar o programa Iberescena. Está a producir produce unha obra de teatro en Bos Aires xunto cunha compañía arxentina

31 ago 2024 . Actualizado a las 22:18 h.

É bastante probable que ningunha das persoas que lean esta entrevista non teñan nada que ver coa migración. Que non coñezan a ninguén en Galicia que marchara. Resulta innegable o feito de que a emigración de galegos cara Arxentina fixo crear unha quinta provincia no hemisferio sur, e ese vínculo aínda se mantén.

O dramaturgo lucense Rubén Pérez levou esta realidade á literatura co conto «A metamorfose do Sr. López», como tantos outros autores escribiron atrás. Pero agora vén de estrear da man da compañía de Bos Aires (Arxentina) e Animales Danza Teatro a obra «Habitar un pájaro (o la metamorfosis del Sr. López)», onde se amplía a historia.

—Como naceu a colaboración entre unha produtora de Lugo e unha de Bos Aires?

—Gustavo Friedenberg, o director da obra, e eu coñecímonos no Din Teatro en Dinamarca, e dende entón somos amigos. O ano pasado xa traballamos xuntos en Bos Aires presentando unha webserie e pedimos a axuda de Iberescena para desenvolver este proxecto.

—Vostede dixo que «Habitar un pájaro» baséase no seu conto «A metamorfose do Sr. López». Que similitudes manteñen?

—Gustavo fixo medrar o conto. Deulle o seu punto. Cómpartese a mesma historia, a un home galego que ten que emigrar a Arxentina, e as súas vivencias. Gustavo, como arxentino, amplía ese significado. Señor López e un galego máis, un vello que emigra, un señor que goza dos paxaros e quere converterse nun despois de pasar unha vida gris. O nome é unha homenaxe ás miñas avoas. O máis emotivo e doroso para un galego é a emigración. E a obra tematiza metaforicamente problemáticas de xénero e diversidade.

—En Bos Aires xa se estreou o 22 de agosto. Queren estreala en Galicia?

—Ogallá. Estamos traballando niso. Gustaríanos no 2025 facer unha xira teatral por Europa. Pero son moitos quilómetros e unha equipa moi dispar. Pero o 22 de setembro representarase o conto «A metamorfose do Sr. López» en Chantada.