O Lugo romano, sen fronteiras

LUGO

18 jun 2024 . Actualizado a las 19:11 h.

Estes días Lugo viviu a celebración da súa orixe romana no Arde Lucus e o próximo mes, coincidindo coa chegada a Galicia de 54 persoas vidas de todas partes do mundo para estudar a nosa lingua, a visita dos Cursos Galego sen Fronteiras que organiza a Real Academia Galega escollerá xustamente a nosa cidade como destino, coa intención que afondar na Gallaecia romana no lugar que constitúe, sen dúbida, o seu cerne, a cidade de Lugo. Acompañados pola experta en romanización Ana Suárez Piñeiro, visitarán o noso Museo, darán unha volta ao adarve da muralla, transitarán polos paseos fluviais que discorren á beira da cidade.

Hai uns días ingresou como Académico de Honra Takekazu Asaka. El tamén foi alumno dos cursos Galego sen Fronteiras, e o seu vencello coa nosa cultura traduciuse, ao longo dos anos, nunha vizosa actividade que xerou un auténtico transvasamento cultural, a tradución de textos galegos ao xaponés, do xaponés á nosa lingua. O ano pasado os cursos foron merecentes dos Premios da Cultura Galega na modalidade de proxección exterior; este ano inclúen a cidade de Lugo no seu programa formativo e poida que algún deses visitantes atope aquí un lugar merecente do seu retorno, do seu vínculo, da súa dedicación, neste Lugo que agocha a raíz do que hoxe somos, da lingua que falamos, a historia de tantas persoas que desde a cultura contribuíron a forxar a lingua e a construír a cultura: coa pegada visible tan preto dos lugares que visitaremos de Ánxel Fole, de Darío Xohán Cabana, de Ramón Piñeiro, de Luís Pimentel, de Celestino Fernández de la Vega…

Se o próximo día 13 de xullo atopan transitando pola nosa cidade a un grupo diverso e curioso, acóllano coa hospitalidade que merece quen, desde lonxe, quere achegarse ao que somos e dedicar o seu tempo a aprender a nosa lingua. Como un día fixo Takekazu Asaka.