Lugo homenaxeou aos seus pedáneos: de Dositeo Devesa, de 92 anos, ao recordo para Servando Escolante

L.G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO

O goberno local rendeu homenaxe aos representantes das 54 parroquias do municipio, escenificando o seu agradecemento nos dous galardoados

16 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo coa conmemoración do Día do Mundo Rural e a celebración de San Isidro Labrador, o Concello de Lugo organizou esrte mércores unha homenaxe aos pedáneos do municipio, «cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades». Un dos protagonistas do encontro foi Dositeo Devesa, pedáneo de Orbazai dende hai seis décadas, e que xa cumpriu os 92 anos.

O goberno quixo recoñecer a súa aportación e a súa veteranía, ao igual que a de Servando Escolante, recentemente falecido e que exercía de pedáneo de Esperante, a súa parroquia. No seu caso, foron as súas fillas as que recolleron o galardón a título póstumo. Houbo palabras de agarimo e de lembranza á súa figura.

Dositeo Devesa, de 92 anos, leva 60 como pedáneo de Orbazai
Dositeo Devesa, de 92 anos, leva 60 como pedáneo de Orbazai

Acompañada da concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, a alcaldesa, Paula Alvarellos, presidiu o acto de homenaxe, celebrado no salón de plenos.

«Creo que esta merecida homenaxe é a mellor forma de celebrar o Día do Mundo Rural, xa que cada un de vós representades unha canle aberta entre as demandas das nosas 54 parroquias e o Concello. E non é este un comedito menor. De feito, xogades un papel fundamental na xestión municipal e o facedes ademais amosando un traballo e unha implicación admirable», díxolle a rexedora aos pedáneos.

Alvarellos, que subliñou que o municipio non se pode entender sen as súas parroquias, lembrou que «Lugo non sería a cidade que é sen toda esta riqueza social que ademais representa o 80 por cento do territorio do municipio e ao 10 por cento da súa poboación». Comprometeuse a escoitar e traballar para cumprir coas necesidades que lle trasladen os pedáneos, e avanzou intervencións. 

«Imos acometer a ampliación ordenada da rede municipal de augas en aquelas parroquias onde por posibilidades técncicas é posible facelo; estamos tamén acondicionando camiños e vías; colaborando coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, para a procura de terreos nos que proceder á instalación de torres coas que mellorar a cobertura móbil nas zonas sen cobertura; e, así mesmo, recentemente procedemos á instalación de 1.400 colectores de lixo e traballamos para mellorar o funcionamento dos locais veciñais e o deseño da programación sociocultural nas parroquias».