Paul Auster e as letras galegas

LUGO

07 may 2024 . Actualizado a las 17:18 h.

Non é doado despedirmos a un escritor. A súa morte é semellante á de alguén que coñecemos e que, en certo xeito, forma parte do noso mundo; pero, dependendo da intensidade e o apego que teñamos pola súa obra, a sensación será máis ou menos profunda, oscilando entre a de que partiu un coñecido ata a de que se foi algo moi noso, moi íntimo.

No caso de Paul Auster, tamén están de loito as nosas letras, porque moitas das súas novelas foron traducidas ao galego: Mr. Vértigo (no 96) e logo, xa no novo século, Brooklyn Follies, Viaxes no Scriptorium, Un home na escuridade, Invisible e Sunset Park. O meu achegamento a Paul Auster debeuse, xustamente, á tradución ao galego de Brooklyin Follies, obra dotada dun ton e un estilo tan especial que me conquistaron para sempre. Mais o feito de que poidamos ler a Auster na nosa lingua cómpre agradecerllo á habelencia dunha das nosas mellores tradutoras do inglés ao galego, Eva Almazán, que logo verqueu tamén á nosa lingua as novelas que viñeron detrás, así como as doutros marabillosos escritores na lingua de Shakespeare, coma o Premio Nóbel de Literatura 2017 Kazuo Ishiguro.

A tarefa dos tradutores podería exemplificar os traballos invisibles, eses que, precisamente cando se fan ben, pasan desapercibidos. E, agora que se empregan a cotío de xeito moi sinxelo os tradutores automáticos, semella que a tradución coma arte está aínda máis esquecida, nas marxes da sociedade. A vindeira semana celebramos o día das Letras Galegas e a poesía de Luísa Villalta. Así que xunto aos versos da nosa poeta, permítome recomendar, para estes días, a lectura de calquera desas obras de Paul Auster traducidas a galego -entre as que, para min, sempre terá un lugar especial Brooklyn Follies-. Despidámolo cun sorriso. Con agradecemento polo seu enxeño e a súa frescura. Pola brillantez sen pretensións.