A escritora presentou o seu último libro, «Los zapatos del lobo»
25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os relatos da escritora de Paradela Sonia Arias xa cruzaron o charco. A autora fixo as súas primeiras vendas en México, a través da plataforma Amazon, un feito que sinte como «moi gratificante». A escritora acaba de presentar a súa última obra, Los zapatos del lobo, editada por Angels Fortune, e con ilustracións de Adrián Garre.
O acto tivo lugar esta semana na Deputación de Lugo, e nel estivo acompañada polo deputado Iván Castro e pola exdeputada Sonsoles López Izquierdo. Los zapatos del lobo é unha colección de relatos curtos ambientados na aldea de Vidul, sen esquecer a vea poética que a acompañou noutras publicacións.
Despois de cinco anos sen publicar, tempo que aproveitou para ler moito e estudar Psicoloxía Positiva Aplicada, retoma o seu interese por temas coma o maltrato, a violencia de xénero, o suicidio, o bullying, a igualdade... Di que lle gustaría rebaixar o nivel de enfado e crispación da sociedade agarrándose ao humor e ao sarcasmo dos que fai uso nos textos. Insiste en que é moi importante crear ambientes adecuados onde falar de todo non sexa sinónimo de insulto ou ofensa: «Gústame escribir eludindo problemas, pero procuro non evitar temas de conversa porque considero que hai que falar de todo para romper con certos obstáculos», afirma. Para ela é, simplemente, liberdade, defender as súas propias ideas: «Ninguén debe pensar por nós». Tamén resalta a vitalidade e a espontaneidade en cada relato, e fai responsable da frescura do contido ao seu fillo Antonio. «Todos os libros deben ter un por que (...) Todos de cantos temas falo quero que acaben nun lugar onde todo sexa unitario. Forte. Capaz».
As próximas presentacións terán lugar o 15 de marzo en Sarria e o 5 de abril en Paradela.