Adeus a Xesús Mato, o crego que cambiou a música galega contemporánea

X.M. Palacios LUGO / LA VOZ

LUGO

Xesús Mato, nunha imaxe tomada no 2023
Xesús Mato, nunha imaxe tomada no 2023 ALBERTO LÓPEZ

Foi fundador de Fuxan os Ventos e desenvolveu un amplo labor cultural e social. Mato, por Xulio Xiz

13 feb 2024 . Actualizado a las 22:08 h.

Xesús Mato, falecido este martes en Lugo aos 91 anos, xa pertence á historia da música galega con todo merecemento. Á marxe de gustos persoais ou de estilos, ninguén pode dubidar da importancia dun grupo coma Fuxan os Ventos na Galicia dos últimos cincuenta anos, e ese froito foi resultado dun labor no que a Mato lle corresponde un posto de honra.

Un grupo de rapaces xuntouse, baixo a súa figura, no Colexio Menor de Lugo para crear un grupo musical. Así naceu Folk 72, nome co que participaron nun festival celebrado en Mondoñedo co gallo das feiras e festas das San Lucas. O grupo acadou o primeiro posto coa cancion "Fuxan os Ventos", e o que veu despois moveuse coa forza dun potente vendaval.

«Queremos cantar, / queremos berrar / coa forza da fe / que a nosa Galicia/ aínda está de pé». Así comezaba a canción coa que se gañou o festival mindoniense. Titulábase «Fuxan os Ventos», levaba letra e música de Mato e supuxo que Folk 72 cambiase o seu nome polo de Fuxan os Ventos.

«Sementeira», «O meu amor mariñeiro» ou «Muller» son só algúns coñecidos títulos de cancións cos que o grupo acadou despois sona en Galicia enteira, actuando en festivais pero tamén en festas de vilas e de parroquias. Cómpre citar tamén, xaora, «O carro», versión musical dun poema de Manuel María que se ten convertido nunha coñecidísima peza para xeracións e xeracións de galegos.

Cando, hai algo máis de cincuenta anos, as inquietudes musicais de Mato confluían coas duns rapaces, o crego xa posuía experiencia na música e no labor social. Tras estudar e ser ordenado en Lugo, foi destinado a Lalín, e a capital do Deza viu como co pulo daquel xove crego se creaba unha coral polifónica ou se abría unha emisora de radio. Non foi Lalín, porén, o único sitio onde a súa semente musical deu xermolado, pois na provincia de Lugo puxo en marcha a iniciativa Galicia canta ó neno, que se vencellaba directamente coa ampla tradición galega das panxoliñas.

 Pero tampouco a música foi o único campo traballado por Mato. Exerceu de párroco na montaña durante anos, e fundou Auxilia Lugo, unha asociación que axudou a facer visible a situación de persoas con discapacidades físicas, ata entón agachadas nas casas e sen visibilidade.

Tantos labores non quedaron sen recoñecemento. Foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Paradela e recibiu a Medalla Castelao, e viu ademais como o seu vencello con Fuxan os Ventos quedaba reflectido nun libro: así se publicou a obra «Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos», saído do prelo por iniciativa do Concello de Paradela.

Nos últimos tempos vivía na residencia do Seminario de Lugo. O enterro será este mércores 14, en Portomarín.