O exreitor da USC e expresidente da Real Academia Española fai unha defensa dos valores das Humanidades, «que fai cidadáns libres», no acto de entrega do galardón que conceden as catro deputacións galegas e a Xunta polo seu traballo a favor a cultura e das institucións galegas
29 nov 2023 . Actualizado a las 22:13 h.Resumir a traxectoria profesional, a entrega a Galicia e o compromiso coa cultura en maiúsculas de Darío Villanueva (Vilalba, 1950) non é tarefa fácil, pero este mércores pola noite, no Pazo de San Marcos de Lugo, baixo o espírito de don Ramón Otero Pedrayo, puidéronse comprobar as razóns polas que xa atesoura o premio que desde 1977 conceden as catro deputación galegas (máis tarde sumouse a Xunta) para recoñecer a figura dunha personalidade que co seu traballo e esforzo axudou a mellorar a cultura, os valores de Galicia e as institucións galegas.
Villanueva —catedrático e exreitor da USC, doutor honoris causa por 14 universidades de Europa, América e Asia e expresidente da Real Academia Española, entre outras distincións e tarefas— foi presentado pola actriz e condutora da cerimonia, Tareixa Campo, como «un fillo ilustre de Lugo» que ten méritos suficientes para recibir o premio «que honra aos nos honran».
Lembranzas de Lugo
O que fora reitor da USC entre 1994 e 2002, —acompañado pola súa dona María Ermitas, familiares e amigos— amosou o seu agradecemento polo premio, e comezou lembrando que precisamente viviu a súa etapa de Bacharelato en Lugo na Rúa Sol, ao lado da Deputación, «onde estaba a biblioteca provincial e na que botei horas e horas da miña xuventude».
O intelectual vilalbés fixo unha defensa en favor da cultura, das humanidades e das letras: «Vivimos nunha sociedade de evolución frenética, con vantaxes e melloras, pero con preocupantes signos de desculturalización, case diría de alienación». Por iso, destacou o papel que xogan as deputacións e a Xunta no desenvolvemento da cultura, unha materia que considera vital da vida das persoas: «Mellora a nosa educación e fai cidadáns libres».
Recoñecementos
A entrega do premio —nun acto ao que asistiron representantes das deputacións, da Xunta e das institucións que colaboran co galardón— fíxoa o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen destacou que Villanueva «é un dos grandes intelectuais galegos do noso tempo», e destacou que con este premio demóstrase «o compromiso das deputacións coa cultura».
A Deputación de Lugo fora por última vez escenario da entrega deste galardón no ano 2019, cando recibiron outros dous ilustres lucenses, Ramón Villares e Paco Martín.
Tamén interveu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen recordou que Villanueva «foi o primeiro director técnico da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro da Xunta, unha mostra máis de que non fuxiu de asumir responsabilidades naqueles lugares onde era chamado para impulsar o amor polas linguas e pola literatura».
Defensa do galego
Pola súa parte, a deputada de Cultura da Deputación, Iria Castro, quen lle deu os parabéns a Villanueva pola súa traxectoria, lembrou unha anécdota de Otero Pedrayo, que estando no leito de morte, visitouno o ministro de Educación e el díxolle: «Señor Ministro, salve o grego». Para Iria Castro, hoxe Don Ramón diría: «Señor ministro, salve o galego».
Ademais da citada Tareixa Campo, o acto de entrega do Premio Otero Pedrayo contou coa música de MJ Pérez, que marcou a sonoridade dunha cerimonia que foi de lembranzas, de intimidade e familiar.