Xisco Feijoó, que actúa en Lugo: «Hoxe en día, Galicia está inzada de xente que baila e toca música tradicional»
LUGO
O cantareiro, instrumentista e bailador presenta o día 29 no Gustavo Freire o seu proxecto «Peixe», acompañado de grandes artistas
27 nov 2023 . Actualizado a las 13:15 h.O cantareiro, instrumentista e bailador Xisco Feijoó despide esta semana a xira de presentación de Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario. Os seus derradeiros concertos terán lugar o mércores 29 en Lugo e o día 1 en Vigo. Na cita lucense, o artista actuará ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, cun espectáculo de música, danza e arte único e irrepetible, para o que se poden mercar as entradas en www.enterticket.es.
Nesta actuación, Feijoó despregará todo o seu talento da man tanto da súa banda de oito músicos coma da de artistas da talla de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Villares (voz), Xabi Iglesias (baile) e das pandeireteiras de Cántigas e Frores.
Xisco Feijoó, unha das figuras clave na recuperación da música tradicional galega durante as décadas dos 80, 90 e 2000, estivo hai uns días nos estudos lucenses de Radio Voz, xunto ao artista ancarés David Vilares, e desvelou máis detalles sobre o seu espectáculo nunha entrevista co xornalista Félix Jorquera.
—Por que elixiu o nome de «Peixe»?
—«Peixe» é o nome dun traballo discográfico que fixen, dedicado ao que representou unha persoa á que eu lle chamaba así, «Peixe».
—Propón unha música enérxica, alegre... e sen perder a esencia galega.
—Ten moitos arranxos contemporáneos, inclúe harmonías..., pero a base segue sendo música tradicional. Por iso provoca exaltación, amizade, ganas de bailar, saltar... A música é unha linguaxe fermosísima, e se a sabemos unir coa danza, que é a primeira das artes, e a expresión corporal, xa é o máximo.
—Como será o espectáculo de Lugo?
—Vai ser unha gran foliada, con moita ledicia. Contará con grandes convidadas e convidados, xente próxima e do sector primario da música, a menos recoñecida, aquela xente que saíu da súa casa e foi recuperadora, que traballou na extracción da música tradicional dos lugares onde se producía e na súa aplicación directa en asociacións e outros eidos.
—Parece este un bo tempo para a música e a danza galegas.
—Si, pero grazas ao traballo previo de moita xente. Hoxe en día, Galicia está inzada de xente que baila nos festivais, de xente que leva os seus instrumentos... e iso é porque algo fixemos ben en todo este tempo.
—Está superado o complexo de cantar en galego?
—Non de todo. É certo que hai uns días viamos ás nosas queridas Tanxugueiras na alfombra vermella dos Premios Grammy, pero non é usual que nun gran medio de difusión da música apareza nada que non sexa en inglés ou castelán. Así que é un hándicap. Iso está por suceder aínda, interiorizar de verdade que os idiomas son cultura.