
Ata o mércores 4 pódese ver na Biblioteca Provincial unha exposición dedicada aos irmáns Coira
02 mar 2024 . Actualizado a las 17:49 h.A Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá e que se celebrou do 18 ao 23 de setembo volveu a ser un éxito de espectadores, con 4.162, que viron algunha das 135 películas proxectadas nos diferentes escenarios da Semana de Cine de Lugo ou das facilitadas a Aspnais e aos centros penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro.
Dese total, 3.043 asistentes foron ás diversas sesións celebradas no Auditorio de Lugo, 769 nas outras salas da capital, e o resto en Aspnais e nos centros penitenciarios.
O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá congratúlase deste resultado, e di «que supera calquera previsión e supón un considerable aumento en relación coas cifras do ano 2022».
Mostra dos irmáns Coira
Por outra parte, a exposición de homenaxe ao traballo cinematográfico dos irmáns Coira (Pepe e Jorge) pódese ver no vestíbulo da Biblioteca Provincial, logo de haberse inaugurado no edificio da Xunta.
A exposición estará aberta ata o vindeiro mércores día 4, e recolle fotos e documentos das películas e series nas que traballaron os irmáns Coira. Así, pódense ver fotos de entregas de premios, de rodaxes (cun Luis Tosar moi novo), reseñas das súas obras máis coñecidas e tamén un pequeno repaso á historia do cine en Rábade, de onde son orixinarios os irmáns Coira, así como o guionista Horacio Valcárcel.